O grupo parlamentario de En Marea denuncia que o goberno galego incumpriu os prazos marcados por lei para a aprobación do Plan de Transporte Público de Galiza o que pon en risco tamén tanto a calidade do servizo como os prazos de posta en marcha do novo modelo fixados pola propia Xunta de Galicia. A Lei 10/2016, do 19 de xullo, de medidas urxentes para a actualización do sistema de transporte público de Galicia (DOG de 22/07/2016) establecía no seu art. 2.3 que o PTPG debería estar aprobado no prazo de vinte e un meses desde a entrada en vigor de dita Lei e, dado que dita lei entrou en vigor o 23 de xullo de 2016 o prazo venceu o 23 de abril do 2018.
O vicevoceiro de En Marea, Antón Sánchez, criticou que lonxe de ter aprobado en prazo do Plan de Transporte Público de Galiza a Xunta de Galicia ven de publicar no DOG a formalización dos contratos de desenvolvemento do PTPG e de coordinación do desenvolvemento por un valor aproximado de 2 millóns de euros, e adxudicados o 6 de xuño e 25 de maio respectivamente.
Adxudícanse os contratos dos traballos ás empresas que deben de desenvolver o PTPG meses despois de que o Plan xa tivese que estar aprobado, e nun plan que debe de estar implementado a finais de 2019.
Unha mostra máis de que no transporte público a característica xeral da Consellería de Vivenda e Infraestruturas e da Dirección Xeral de Mobilidade é a ausencia de planificación, a improvisación e a falla de capacidade. “A maiores a Xunta de Galicia en vez de planificar xoga aos feitos consumados” denunciou Sánchez.
Dito PTPG non foi aínda aprobado como tal, se ben, a Xunta aprobou a integración de determinadas liñas de transporte e sacou no verán 2017, a licitación e adxudicación da primeira fase a súa execución; isto é, o que fixo a Xunta foi executar un PTPG virtual, en tanto en canto non foi aprobado, ou o que é o mesmo, o que está a facer a Xunta é “anticipar” literalmente o contido do PTPG mediante a súa execución práctica planificación e integración de liñas e a súa licitación, tanto respecto do seu deseño como das liñas de transporte propiamente ditas. Ou sexa, a casa, polo tellado.
Isto é, o contrario do que seria desexable, ao transformar as liñas concesionarias de transporte (deseño/integración, licitación e execución) nunha política de feitos consumados, e convertendo ao PTPG no resultado final das decisións previas xa executadas, e non no instrumento de planificación previsto na Lei defendeu o viceportavoz de En Marea. “A falla de previsión e a opacidade esconde un recorte e empeoramento de servizos como xa foi patente na exección e posta en marcha da primeira fase” afirmou.
Ademais do recorte do servizo no rural, que agravará a situación dos servizos públicos nuns territorios que constantemente perden poboación, a Conselleira Ethel Vázquez non ten afrontado o reto metropolitano en Galiza, levando a cabo un traballo a todas luces insuficiente coas cidades e vilas das áreas metropolitanas das 7 cidades galegas máis importantes.
Non se prevé a integración dos servizos urbanos, mais aló da coordinación de intercambios, de horarios e de integración tarifaria e moito menos se prevé sequera a fórmula de consorcio, co que se pode perder unha oportunidade histórica de dotar ás áreas metropolitanas galegas dun modelo de transporte de futuro planificando esas zonas como o que xa son, unidades xeográficas, económicas e sociais.
Por este motivo dende En Marea demandan á Xunta de Galicia que dentro da elaboración do Plan de Transporte de Galiza proceda a definir o modelo de transporte metropolitanos a través de fórmulas de consorcio integrando na planificación os servizos urbanos.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.