En Marea denuncia que as ambulancias circulen incumprindo a normativa

Un informe pericial certifica que os vehículos exceden do peso permitido incrementando a posibilidade de sofrer accidentes
Publicado por o día 31/08/2018 na sección de En Marea,Política,Sanidad

En Marea denuncia que as ambulancias circulen incumprindo a normativa

En Marea denuncia a situación que están padecendo os traballadores do 061 que operan as ambulancias deste servizo ao circular os vehículos incumprindo a normativa. Os traballadores deste servizo levan advertido do perigo deste vehículos e do risco que teñen de padecer accidentes. A parlamentaria de En Marea e vicepresidenta do Parlamento de Galicia, Eva Solla, considera “moi grave que un informe xudicial confirme as denuncias dos traballadores que a Xunta quere ignorar”.

Como consecuencia das dilixencias previas abertas polo Xulgado de instrución número 2 de Santiago, nunha causa por presuntos delitos de prevaricación e tráfico de influencias na adxudicación dun concurso de transporte sanitario urxente do 061, un informe pericial encargado pola policía xudicial, constata o incumprimento da normativa e o exceso de peso respecto da masa máxima autorizada nos vehículos. O exceso de peso que o informe pericial sinal é de 200 quilos o que supón unha alteración grave do comportamento do vehículo, especialemente en velocidades altas, e un incremento considerable do risco de padecer accidentes na prestación dos servicios.

Os traballadores denuncian que esta situación obriga a facer o seu cometido en situacións moito máis perigosas posto que as ambulancias circulan en condicións extremas de urxencia e calquera modificación nos pesos estipulados aumentan de maneira considerable os perigos para os ocupantes e para o vehículo.

Mentres o goberno da Xunta asegurou o pasado ano que as ambulancias cumprían estritamente coa normativa, sen ter en conta as advertencias dos traballadores, o informe sinala que hai un exceso de peso nos vehículos, pero ao mesmo tempo unha carencia de material básico. O informe especifica que as ambulancias están circulando sen roda de reposto, por exemplo. Engade a parlamentaria de En Marea que os traballadores do 061 “reunidos con nós xa denunciaran que se quitara algún material das ambulancias para restarlle peso ante o incumprimento da normativa sobre o PMA (peso máximo autorizado)”.

Estes incumprimento nos concursos por parte do PP -explica Eva Solla- non é novidade “estanse dando en Galicia e tamén en Madrid onde están saíndo agora os incumprimentos nos contratos dos servizos xestionados pola Comunidade de Madrid”.

Eva Solla lembra que nos inicios de 2017 “En Marea preguntoulle no Parlamento ao conselleiro por estas denuncias e o conselleiro respondeu que todo era legal e todo estaba correcto e que non había ningún tipo de problema con este concurso”. A parlamentaria sinala que este incumprimento está denunciado desde hai tempo, por traballadores, sindicatos e tamén por En Marea pero fixeron oídos xordos”

Por este motivo, En Marea presentará unha serie de preguntas á Consellería de Sanidade no Parlamento de Galicia:

  • Ten constancia a Xunta de Galicia da información contida no informe pericial?
  • –  Por que non solucionaron os incumprimentos de normativa detectados, pese as advertencias levadas a cabo polos traballadores do 061?
  • –  Pode asegurar o Goberno que as ambulancias UVI móbiles do 061 compren co peso máximo permitido pola Lei?
  • –  Pode asegurar o Goberno que as ambulancias están en condicións de seguridade para traballadores e doentes?
  • –  Ten pensado levar a cabo algunha acción en relación ao problema detectado?