En Marea denuncia que o Goberno do PSOE non apoia aos mariños de Long Hope

O Executivo non se compromete a intermediar no conflicto con Noruega a pesar de que asinou unha PNL xunto a En Marea esixindo ao anterior Goberno a interposición de demanda e a iniciar negociación inmediata con Noruega.
Publicado por o día 15/10/2018 na sección de En Marea,Política

En Marea denuncia que o Goberno do PSOE non apoia aos mariños de Long Hope

A deputada de En Marea no Congreso, Yolanda Díaz, acaba de recibir resposta do Goberno relativa á adopción de medidas contra o Reino de Noruega para o recoñecemento das pensións de xubilación dos “Mariños de Long Hope”.

O PSOE, que asinara xunto a En Marea unha Proposición non de Lei neste sentido o pasado mes de maio, agora, desde o Goberno, non se compromete nin a adoptar medidas legais contra Noruega, nin a interpoñer demanda interestatal ou intervención como terceira parte en demanda individual, nin a iniciar unha negociación real, inmediata e directa co goberno de Noruega para acadar un acordo que permita poñer fin á situación de desprotección social na que se atopan os traballadores de Long Hope, tal e como se reclama na mencionada iniciativa.

Na resposta ofrecida a Yolanda Díaz, o Executivo de Pedro Sánchez sinala que, “chegado o momento de interposición de demanda individual (a única opción que contemplan), o Goberno valorará o cauce procesal máis axeitado de acordo co criterio da Avogacía do Estado da Secretaría de Estado para a Unión Europea”.

Para que isto suceda, a demanda individual deberá ter sido admitido a trámite, algo que non sucederá ata que se agoten os recursos internos na xurisdicción noruega.

Na petición que fai a Asociación Long Hope dunha demanda interestatal, o Goberno do PSOE considera que é “escasamente viable”. E no relativo ao inicio dunha negociación real, inmediata e directa co Reino de Noruega como demanda a Asociación, escuda esta posibilidade, sinalando que o Presidente do Goberno e a Primeira Ministra de Noruega xa mencionaron este tema na reunión celebrada o pasado mes de xullo con motivo da celebración da cumbre da Organización do Tratado do Atlántico Norte en Bruxelas, na que lle foi transmitido a Pedro Sánchez que o “asunto se atopa pendente da resolución ante os tribunais”, algo de sobra coñecido, cuestión pola que se pide ao Goberno que intente buscar unha solución negociada entre ambos os dous gobernos.

A deputada de En Marea, Yolanda Díaz, denunciou, a este respeto, que o PSOE está actuando en sentido contrario ao que proclamaba e defendía hai uns meses cando estaba na oposición, e que, con este resposta, deixa claro que non adoptar ningunha medida urxente para buscar unha solución á situación de desprotección social na que se atopan os mariños do Long Hope, que volven recibir un novo pau do Goberno de España.

Díaz lembra que a Asociación loita dende hai anos nos tribunais para que “Noruega lle recoñeza as pensións de xubilación aos nosos traballadores do mar (ao redor de 12.000 persoas afectadas, a maioría delas galegas) embarcados en buques Noruegos ata o ano 1994, e que se lle negan ao carecer da condición de residentes namentras traballaban alí, a pesar de ter pagado no país nórdico os seus impostos”.

A deputada de En Marea destaca a tristura que lle provoca esta nova resposta do Goberno do Estado, “xa que a idade avanzada das persoas afectadas e os longos trámites burocráticos e xudiciais aos que están sendo sometidas as súas demandas van facer moi difícil que algúns deles vexan recoñecidos os seus dereitos sociais”./