En Marea deséxalle sorte ao novo goberno do Estado para afrontar a desaceleración económica, o desafío climático e a loita contra a violencia de xénero

Luís Villares acolle con esperanza que case un ano despois teñamos un goberno en plenitude de funcións, do mesmo xeito que lamenta que non sucedese hai catro anos cando tamén daban os números.
Publicado por o día 13/01/2020 na sección de En Marea,Política

En Marea deséxalle sorte ao novo goberno do Estado para afrontar a desaceleración económica, o desafío climático e a loita contra a violencia de xénero

O voceiro de En Marea valorou de xeito positivo que despois de case un ano o Estado teña un goberno que non sexa en funcións: “un goberno en plenitude de funcións que poida tomar decisións que afronten os grave problemas sociais que está vivindo o noso país e o conxunto do Estado, a desaceleración económica, o desafío climático e a loita contra a violencia de xénero”.

Villares calificou tamén como positivo que sexa un goberno progresista, ao mesmo tempo que lembrou que “podía ter sucedido hai catro anos e que tería cambiado e moito a historia de Galicia porque seguramente tería propiciado outro resultado electoral en 2016 nas autonómicas e seguramente con outros actores”.

O certo é que os números que permiten a formación deste goberno tamén o permitían desde o ano 2015 pero “pese a este atraso, aínda chega a tempo para construír unha maioría progresista en Galicia. Agardamos que tanto Podemos como o PSOE aprendesen a lección”.

O voceiro aproveitou a ocasións para poñerlle deberes e apuntou as tres grandes emerxencias que padece Galicia xa que unha vez coñecidos os seus actores “dá para facer políticas progresistas, se hai vontade. Para os intereses de Galicia, a presenza de ministras como Yolanda Díaz pode resultar positiva na medida en que coñece a realidade social de Galicia”.

Pero o que para a cidadanía pode ser unha oportunidade, para o goberno e para os seus actores supón “un plus de responsabilidade” porque se o goberno non cumpre as expectativas e promesas en materias tan delicadas como infraestruturas ferroviarias, retorno da mocidade ou liderar unha transición ecolóxica xusta para os traballadores “nin Podemos nin o PSOE poderán dicir, cando veñan as autonómicas, que non estaban ao tanto da problemática social, ecolóxica ou feminista de Galicia. Sería imperdoable que entre as 10 primeiras medidas de goberno se puxeran remedio a situacións que están vivindo partes non menores da nosa sociedade”.

O caso é que esta responsabilidade non recae unicamente no goberno, xa que como se trata dun goberno de coalición con apoios diversos, entre eles o do BNG, tamén eles teñen terán que afrontar as derivas postivas ou negativas para Galicia das súas actuacións.

O Bloque puxo a súa rúbrica por medio dos acordos asinados co PSOE ás políticas do Estado para Galicia, algo que resulta notoriamente incompatible coa intención de defender o país cuns orzamentos que PSOE e Podemos xa avanzaron que querían sacar adiante en 2019:  “O Bloque ten unha febleza nesta situación que é que por un acordo moi exiguo, perdeu completamente a súa posición moral de preminencia na defensa de Galicia fronte os intereses alleos, posición que desde agora exerce en solitario En Marea”.

Por último, Luís Villares recalcou que desde En Marea deséxanlle a maior sorte a este novo goberno:  “pensamos que os retos aos que ten que facer fronte así llo esixen, tanto desde a pespectiva democrática, coa recuperación de liberdades públicas, a derrogación da Lei Mordaza ou a despenalización da eutanasia; coa recuperación de dereitos sociais, a derrogación das reformas laborais completas, como solicitan os representantes da clase traballadora, e non soamente dos seus aspectos máis lesivos, como manifestaron ultimamente desde os partidos que forman o novo goberno”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.