En Marea encara o 28A co obxectivo de conseguir orzamentos suficientes para garantir o desenvolvemento socioeconómico de Vigo e do conxunto de Galicia

A formación presentou á súa candidatura por Pontevedra; a única coherente coa defensa dos intereses da cidadanía viguesa e galega
Publicado por o día 02/04/2019 na sección de En Marea,Galicia,Política,Vigo

En Marea encara o 28A co obxectivo de conseguir orzamentos suficientes para garantir o desenvolvemento socioeconómico de Vigo e do conxunto de Galicia

 En Marea comprométese a traballar para que a área metropolitana de Vigo poida contar cos investimentos que precisa para revitalizar o precarizado mercado laboral, crear emprego de calidade e recuperar os dereitos perdidos nos últimos anos. Ese son os compromisos cos que se presenta a candidatura da formación para o Congreso e o Senado, que tamén pon o foco na defensa dunha sanidade e dunha educación públicas e de calidade, así como do medio ambiente e dos recursos naturais.

O voceiro de En Marea arropou este martes ás candidatas coas que a formación concorrerá ás eleccións xerais pola provincia de Pontevedra. Foi nun acto en Vigo, no que Luís Villares puxo en valor á única candidatura que vai garantir que Vigo non quede esquecido nos vindeiros orzamentos do estado. “Onde estaban o alcalde de Vigo e o PSOE cando os orzamentos do estado para 2019 condenaban a Vigo e á súa área metropolitana ao ostracismo total, deixándoa sen a saída sur e sen a conexión necesaria para que o seu porto sexa capaz de facer unha mellor captación de investimentos?”, pregúntase o voceiro de En Marea, que lembra que esta formación foi a única coherente e que votou en contra dun orzamento estatal lesivo que era “un agravio inaceptable para a área de Vigo. Por iso podemos presumir de vir presentar unha candidatura con promesas, pero tamén con feitos. Presentámonos coa garantía de ser a única candidatura alternativa ao bipartidismo capaz de sacar adiante o desenvolvemento que Vigo precisa”, afirma Luís Villares.

A aposta de En Marea para os comicios do 28 de abril pasa por sacar adiante iniciativas “que beneficien ás maiorias sociais, conseguir fomentar o emprego con dereitos e derrogar as reformas laborais. Queremos máis liberdades, por iso reclamamos tamén a derrogacion da Lei Mordaza”, indicou o voceiro. Que contrapuxo este modelo ao que augura unha maioria integrada por PSOE e Ciudadanos, “que nos afogaría e nos condearía a seguir coas liberdades recortadas, cunhas reformas laborais que nos manteñen na precariedade e sen posibilidades de desenvolvemento socioeconómico debido a uns orzamentos lesivos para Galicia, e singularmente para a área viguesa”.

Luís Villares lembrou a delicada situación que atraviesa o sector do telemarketing, fortemente precarizado e exemplo perfecto da realidade actual do mercado laboral. O voceiro de En Marea falou de Bosch, e amosou o firme compromiso de En Marea de traballar para non deixar a ninguén atrás. “Queremos rematar coa xeracion Skype, integrada por mocidade que que só ve á familia a través de videochamadas porque non pode vivir e traballar na súa terra pola falta de oportunidades”.

Pola saída de Ence da Ría de Pontevedra e defensa da sanidade

Da precaria realidade laboral e socioeconómica da mocidade tamén falou a candidata por Pontevedra ao Congreso. Iris Malvido destacou a necesidade de potenciar a industria como motor social e económico para o conxunto de Galicia, e máis concretamente da área metropolitana viguesa. A cabeza de lista comprometeuse coa defensa “dun sistema público que defenda pensión dignas, sanidade e educación de calidade e gratuítas”, Así como do ecoloxismo. “É importante que En Marea estea en Madrid, porque será garantía de que a Ence non se lle conceda ningunha prórroga máis. Querémola fóra da ría, e así o defenderemos”, asevero a candidata, que reafirmou a súa “aposta clara pola mocidade e polas mulleres. Estamos ante un escenario cunha destrucción do emprego bestial, cunhas taxas de temporalidade insostibles, e con salarios, sobre todo para as mulleres e mozas, moi por debaixo do salario mínimo interprofesional. E as causas son a deixadez de persoas que levan na política máis anos dos que eu levo viva sen facer nada pola provincia de Pontevedra. Pero tamén as reformas laborais do PP e do PSOE, que están a provocar que sexa imposible construír emprego de calidade e futuro para a industria”, indicou Malvido. Que presentou a candidatura de En Marea como “a única alternativa ao bipartidismo á que as estadísticas están dando representación. Somos a única alternativa pola defensa dun futuro, para a xeración de riqueza, para a educación, a sanidade, as pensións e o emprego”.

O número dous ao Congreso por Pontevedra tamén falou da necesidade de trabalhar para ampliar os dereitos das galegas e galegos. “Presentamos unha candidatura para trabalhar pola recuperación dos dereitos perdidos e pola consecución dos que aínda non temos conquistados”, indicou Manuel González Moreira. Que puxo o foco nos obxectivos de xustiza social, igualdade real, fiscalidade xusta, solidaria e redistribuiva que garanta unha renda básica, educación e políticas públicas de atención á dependencia, defensa dos dereitos LGTBIQ e acceso a unha vivenda diga.

Moreira falou tamén de sanidade, e reivindicou a defensa de En Marea por un sistema “público e universal, gratuíto e de calidade. Financiado cun sistema impositivo xusto, no que pague máis quen máis ten. Unha sanidade equitativa que garanta un acceso universal, algo que no noso país precisa dun esforzo extra debido á dispersión poboacional”, indicou o candidato. Que expresou o total respaldo de En Marea á folga convocada na atención primaria e reivindicou a aposta desta formación por derrogar a Lei 15/97 e o Real Decreto Lei 16/2012, que abriron a porta á privatización, posibilitaron os copagos e fragmentaron a carteira de servizos da sanidade pública.

Pola súa banda, a cabeza de lista por Pontevedra ao Senado, Mari Camiña, puxo o foco na necesidade de protexer o medio ambiente e os numerosos espazos naturais singulares existentes no territorio galego.

Comentar noticia

Your email address will not be published.