En Marea esixe a creación dun xulgado do social e outro contra a violencia machista en Lugo

Luís Villares e a avogada Teresa Burgo consideran que se está producindo unha discriminación coa cidadanía lucense que afecta especialmente ás traballadoras
Por o 28/02/2019 | Sección: En Marea,Política
En Marea esixe a creación dun xulgado do social e outro contra a violencia machista en Lugo
Compartir en:

O voceiro de En Marea, Luís Villares, e a avogada laboralista, Teresa Burgo, denunciaron ás portas dos xulgados de Lugo a discriminación que padece a provincia en materia xudicial coas negativas tanto do goberno central como autonómico a dotar a Lugo cun cuarto xulgado do social e outro específico para tratar os asuntos de violencia machista. Villares sinalou que esta “discriminación” era especialmente grave para as “traballadoras” e supuña un desprezo da cidadanía lucense en xeral e das mulleres en particular.

A avogada laboralista Teresa Burgo apuntou que a negativa do goberno central a conceder un cuarto xulgado do social para a provincia “supón un prexuízo para as traballadoras da provincia e un agravio comparativo se se analiza a situación de Lugo en comparación coa de Ourense. Luís Villares apuntou que non se entendía a decisión do goberno de Pedro Sánchez “negando un xulgado que está máis que xustificado desde as cifras e que suporía unha mellora clara para as traballadoras da provincia”.

Luís Villares sinalou que esta decisión non era entendible para un goberno progresista, “esperamos que estas non sexan as políticas do PSOE de Pedro Sánchez deixando de ter en conta os dereitos da cidadanía”. Pola súa parte, Teresa Burgo apuntou que quen resultaba máis prexudicado por esta negativa eran as traballadoras. Precisou que cos tres xulgados do social que ten actualmente Lugo “estanse sinalando xuízos para dentro de dous anos”. Burgo sinalou que este feito era “moi grave para traballadoras que están pendentes das resolucións xudiciais para cobrar porque supón que non poderán cobrar os cartos neses dous anos e, en moitos casos, é posible que eses sexan os seus únicos ingresos”.

Burgo tamén apuntou que desde o punto de vista das cifras de poboación esta negativa non tiña tampouco sentido. A avogada apuntou que Ourense “é un caso moi similar ao de Lugo, pero en Ourense hai catro xulgados do social mentres que en Lugo só hai tres”.  Afondando neste comparación, Burgo sinalou que por número de habitantes as diferenzas entre a provincia de Lugo e a de Ourense eran moi claras, “Ourense ten un xulgado do social por cada 78.000 habitantes, mentres que no caso de Lugo hai un xulgado por cada 110.000”. Para a avogada estes datos fan incomprensible a decisión negativa tomada polo goberno central.

O voceiro de En Marea, Luís Villares apuntou a necesidade de facer outras políticas en decisións como estas e lembrou que esta mesma semana o Partido Popular votou no Parlamento de Galicia en contra de que Lugo contase cun xulgado específico contra a violencia machista. Villares sinalou que as cifras de casos e de poboación “xustificaban a creación deste xulgado, pero estamos encontrando que o PP está involucionando nas políticas de igualdade e debería explicar por que din unha cousa pero están facendo a contraria”.

Villares sinalou que a Xunta estaba abandonando as políticas de igualdade a pesar dos discursos de Feijóo, “debería explicar por que non están apoiando as políticas a favor das mulleres, por que cada vez que teñen que escoller a favor ou en contra, votan en contra das mulleres e por que ás portas dun 8 de Marzo queren retratarse en contra das medidas que axudarían ás víctimas das violencias machistas”. O voceiro de En Marea apuntou que Feijóo e o PP “están deixándose levar polos seus pactos coa ultradereita en Andalucía e sería bo para a cidadanía e para a igualdade que reconsideraran esta situación”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.