A deputada de En Marea no Congreso, Alexandra Fernández, diríxese ao Ministerio de Fomento mediante unha iniciativa parlamentar para esixirlle que corrixa de imediato a toponimia de Galicia deformada na súa páxina web que utiliza denominacións do tipo: “El Ferrol”, “Bayona”, “Sanjenjo”, “La Guardia”, “Lage”, “El Grove”, “Puebla del Caramiñal”, “Santa Eugenia de Ribeira” ou “Isla de la Toja”.
Fernández traslada o seu estupor pola falta de respecto do Ministerio ás normas establecidas en materia lingüística. “Na web de Fomento, na sección de Marítimo, e pulsando as Capitanías Marítimas, vemos na relación de Capitanías e Distritos Marítimos, como se usan formas toponímicas totalmente esperpénticas, incluso propias da ditadura de Franco como é o caso de “El Ferrol”.
Envíen o nomenclátor oficial de Galicia a todo o Ministerio
A parlamentar de En Marea reclama a Fomento que use as formas toponímicas oficiais: Laxe, Ferrol, Baiona, A Guarda, Santa Uxía de Ribeira, Pobra do Caramiñal, O Grove, Illa da Toxa e Sanxenxo.
Fernández pide que se remate definitivamente con este tipo de situacións e que Fomento proceda a realizar unha revisión a fondo da web, da documentación e de anuncios porque son habituais os incumprimentos nesta materia. “Debería remitir a todos os organismos do Ministerio e a toda a súa estrutura o nomenclátor oficial de Galicia que está recollido na páxina web da Xunta como a forma de evitar as deformacións da nosa toponimia”.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.