En Marea esixe a homologación universitaria da ESAD e reclama máis medios e especialidades

A formación critica os inxustificables recortes do 20% que a Xunta de Galicia ven de realizar no centro de formación en arte dramático de Vigo
Publicado por o día 18/09/2018 na sección de En Marea,Política

En Marea esixe a homologación universitaria da ESAD e reclama máis medios e especialidades

En Marea denuncia os recortes que a Xunta de Galicia ven de impoñer á Escola Superior de Arte Dramática de Galicia e insta ao goberno galego a asumir as reclamacións de profesorado e alumnado, que solicitan a homologación deste centro coa universidade. “Hai ferramentas e medios para facer esta adscrición á Universidade con todos os dereitos, e a UdeVigo está de acordo. Quen non o está é o PP, ao que lle interesa moi pouco a cultura”, denuncia Ánxeles Cuña. Que este martes participou, xunto ás tamén deputadas de En Marea Carmen Santos e Julia Torregrosa na concentración convocada fronte á Xefatura Territorial da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en Pontevedra.

“Apoiamos absolutamente as reivindicacións do profesorado e o estudantado da ESAD, porque a súa loita é absolutamente lexítima”. Son palabras da deputada Ánxeles Cuña, que denuncia a inxustificable redución do 20% da plantilla que o goberno galego ven de imponer ao centro de ensinanzas artísticas de Vigo.

En Marea esixirá explicacións no Parlamento de Galicia sobre un atentado contra a formación e a cultura absolutamente inaceptable. E farase eco da lóxica equiparación co ensino universitario que está a ser reclamada dende esta escola. “Non pode ser que teñan un grao de catro cursos con ensinanzas homologables á universidade e que estean a ser tratados como ensino medio”, indica Ánxeles Cuña.

A deputada destaca que, neste momento, a Escola Superior de Arte Dramática ten “matriculados tantos alumnos como hai catro anos, polo que estes recortes que veñen de efectuarse non teñen razón de ser”. Cuña apela á responsabilidade do goberno galego para que a equiparación ao ensino universitario reclamada poida saír adiante. Un paso “moi importante a nivel de becas e tamén de homologación europea, xa que estes alumnos están a ter problemas se queren traballar fóra ou facer estudos de ampliación. Hai ferramentas e medios para facer esta adscrición á Universidade con todos os dereitos. A UdeVigo está de acordo, quen non o está é o PP, a quen a cultura interésalle moi pouco”, denuncia a deputada.

A deputada de En Marea destaca o alto nivel formativo que caracteriza á ESAD, e insta ao goberno galego a telo en conta e a apostar polo reforzo e incentivo deste centro. “Están saíndo alumnos moi preparados, estanse creando compañías de moi alto nivel e non pode ser que despois de todos os esforzos que se fixeron para crear esta escola o estudantado teña que marchar fóra de Galiza para cursar especialidades como interpretación musical. Cando habería que ampliar, estamos cos recortes que atentan contra a calidade do ensino”, remarca Ánxeles Cuña.