En Marea esixe a inmediata dimisión do Conselleiro ante situación da sanidade pública “a máis grave da historia da autonomía”

O voceiro Luís Villares denunciou a mordaza imposta polo PP no Parlamento que impediu a comparecencia de Jesús Almuíña solicitada polo seu grupo
Publicado por o día 12/12/2018 na sección de En Marea,Política

En Marea esixe a inmediata dimisión do Conselleiro ante situación da sanidade pública “a máis grave da historia da autonomía”

O voceiro de En Marea, Luís Villares, esixiu esta mañá a dimisión do Conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, despois de que o grupo do PP empregara a súa maioría na Cámara galega para impedir a súa comparecencia no vindeiro pleno para dar explicación ante a grave situación na que se atopa a sanidade pública do noso país. “Asistimos a unha verdadeira revolta de dignidade dentro sa sanidade pública” asegurou Villares quen criticou que ante “o feito máis grave da historia da autonomía coa dimisión dos xefes de servizo da área sanitaria de Vigo, as protestas dos PAC, na atención primaria, as asociacións profesionais confirmando as denuncias dos profesionais, as protestas polas deficiencias na pediatría… nesta situación, o PP para cun portazo á petición de comparecencia no Parlamento”.

En orixe como explicou Luís Villares o grupo tiña previsto pedir explicacións ao Conselleiro pero ante esta negativa por parte do PP e pola defensa de En Marea da sanidade púnlica o dereito fundamental de todas e todos a unha atención sanitaria de calidade, non queda máis opción que pedir a dimisión do Conselleiro.

Villares amosou a súa sorpresa ante o feito de que a situación insoportable da área sanitaria de Vigo non faga reflexionar á Xunta. “Coa súa dimisión, os xefes de servizo renuncian a un recoñecemento social, a súa carreira profesional, a un incremento salarial e o fan para denunciar unha situación intolerable” asegurou Villares. Unha situación de protesta que forma parte dunha protesta xeneralizada.

“Os PAC o único que piden é que se cumpra a lei. Non estamos falando de facer ningunha reforma normativa só que cumpran a lei. Por canto tempo máis imos ter os ollos pechados a realidade” declarou o voceiro de En Marea que tamén se referiu a POVISA, a privatización como negocio para uns poucos a costa da ruína sanitaria de todo Vigo.  Tamén os servizos de pediatría con conflitos en multitude de puntos do país, as mobilizacións permanentes e folgas no CHUS, as denuncias de sobrecarga asistencial polos recortes, o difícil acceso dos doentes a atención primaria e hospitalaria, insoportables as listas de agarda non oficiais, falla de remuda xeracional, contratacións insuficientes, ou precariedade laboral foron algunhas das cuestións destacadas polo voceiro de En Marea na rolda de prensa. E mentres tanto como denunciou Villares o SERGAS gasta máis de 300.000 euros anuais en publicidade para tratar de enganar á cidadanía e falar da súa boa xestión.

Por este motivo, e ante a grave situación actual, En Marea atende as reivindicacións desta “marea de dignidade sanitaria” e esixe a dimisión do Conselleiro. “Feijóo debe cesalo fulminantemente antes do vindeiro pleno e se non o fai así llo esixiremos no pleno como responsable máximo da Xunta e das políticas sanitarias” afirmou Villares.

POR UNHA AP9 PÚBLICA E GRATUÍTA 

O voceiro de En Marea valorou positivamente a decisión do Congreso de permitir a tramitación do traspaso da AP9 pero lembrou que “este feito tiña que se ter producido hai dous meses e se non foi así foi a causa do veto que mantivo o Partido Popular durante todo este tempo”.

Así mesmo, Luís Villares anunciou que o seu grupo levará ao pleno do Parlamento da vindeira semana a proposta de retirada do proxecto da A-57 que como volveu a denunciar trátase dunha infraestrutura que irá paralela a AP-9. O orzamento que se ten previsto destinar a esta vía, En Marea propón empregalo para rescatar a AP9 e este será o debate que leve á Cámara galega. “A AP-9 ten que ser pública e libre de peaxe” defendeu o voceiro.