En Marea esixe á ministra Batet acordar unha “axenda galega do cambio” para evitar un conflito político

“Estamos lanzando a axenda galega do cambio e esperamos que nas vindeiras semanas teña resposta por parte do Goberno”.
Publicado por o día 06/09/2018 na sección de En Marea,Política

En Marea esixe á ministra Batet acordar unha “axenda galega do cambio” para evitar un conflito político

O voceiro de En Marea no Congreso, Antón Gómez-Reino, e a deputada Yolanda Díaz, portavoz adxunta da Comisión de Política Territorial e Función pública, esixiron á ministra Meritxell Batet acordar unha “axenda galega do cambio”.

“Solicitamos un encontro bilateral coa Ministra Batet para acordar unha axenda galega, e aínda non temos resposta. Non nos gustaría que esta falta de resposta e compromiso con Galicia se convirta nun conflito político entre En Marea e o novo Goberno”, explicou a deputada Yolanda Díaz.

O voceiro de En Marea, Antón Gómez-Reino, lembrou que fai unhas semanas En Marea enviou unha carta a Batet, onde “trasladamos as demandas maioritarias da cidadanía galega”.

“Nesa carta recollíanse os consensos do Parlamento de Galicia, e as propostas de En Marea para a axenda galega do cambio”, insistiu o voceiro, que destacou que as demandas dos galegos e galegas “deben estar atendidas de igual xeito que as de Catalunya ou Euskadi”.

“Cos 5 votos de En Marea no Congreso contribuímos a facer presidente a Pedro Sánchez e agora é o momento de que o Ministerio de Batet responda as demandas maioritarias da cidadanía galega”, asegurou.

Entre as cuestións a tratar, Díaz destacou, entre outras, a  financiación autonómica, representación territorial nas negociacións europeas para temas fundamentais como a PAC e pesca, sobre a situación da lingua e a cultura galega así como polas transferencias.

“Hai multiples competencias sen trasferir, como a AP-9. Estan incrementando as peaxes na única vía de comunicación Norte-Sur”, afirmou a deputada, que lembrou que En Marea ten cinco escanos que respaldan máis de 244.000 votos, “e estamos na antesala da negociación orzamentaria”, advertiu.