En Marea esixe a Núñez Feijóo que compareza na comisión de investigación sobre a sanidade pública

O voceiro de En Marea, Luís Villares, advirte ao presidente da Xunta de Galicia que non permitirán que o seu partido trate de se valer da súa maioría parlamentaria para impedir que se coñeza a verdade sobre as políticas de morte e sufrimento que está a impor cos seus recortes
Publicado por o día 18/09/2018 na sección de En Marea,Política

En Marea esixe a Núñez Feijóo que compareza na comisión de investigación sobre a sanidade pública

O grupo parlamentario de En Marea demandará da Xunta de Galicia información e transparencia sobre o acontecido no PAC da Estrada que rematou coa morte dunha persoa por falla de médico e datos sobre os servizos pechados durante o verán en todo o servizo público sanitario galego. Pero tamén datos reais das listas de espera non estruturais. “Estamos todos pola sanidade pública, pois entón transparencia” reclamou o voceiro de En Marea, Luís Villares, na rolda de prensa ofrecida tras a xunta de portavoces no Parlamento.

En segundo lugar, o grupo parlamentario de En Marea esixirá acabar coas políticas de morte e sufrimento impostas polo PP a través dos recortes e para elo presentará tres medidas. A primeira delas unha planificación suficiente no SERGAS para contar con profesionais suficientes e que non se repita a vergoñenta da falta de persoal sanitario no servizo de Urxencias. En segundo lugar a elaboración de todo un plan de atención primaria dotado de recursos e persoal para atender a poboación pero tamén desenvolver políticas preventivas e recuperación a funcional das xerencias sanitarias. E por último a cobertura sistemática e planificada dos permisos dos profesionais.

“Como sabemos que o PP vai dicir non, como sempre, as propostas de En Marea en tema sanitario, os grupos da oposición tivemos que impulsar unha comisión de investigación sobre a situación da sanidade pública” explicou o voceiro de En Marea. “Núñez Feijóo recoñeceu xa unha vez que o seu partido beneficiarase das zonas grises da lexislación, pero para En Marea a morte non merece zonas grises, non merece que se empreguen os ocos legais para impedir que se coñeza a verdade” incidiu. Por este motivo, instou e retou ao PP a que non vete ningunha das comparecencias que os partidos queiran facer chegar a Cámara galega.

“Na comisión de investigación da corrupción do Congreso dos deputados foi todo o mundo desde Rajoy ata Aznar, vai ser Feijóo o único presidente democrático de todo o Estado español e Europa occidental que non dea explicacións nunha comisión de investigación. Temos un presidente democrático ou  temos o Vladímir Putin do occidente de Europa” declarou Villares quen instou a Feijóo a presentarse voluntario e explicar os motivos dos recortes e tanto sufrimento. “Non imos admitir mordazas, o sufrimento e morte da xente non lle pode saír gratis ao PP” engadiu.

Outro tema que o grupo de En Marea levará ao vindeiro pleno do Parlamento será a situación laboral e a precariedade no noso país. “A precariedade laboral equivale á miseria social xa que non saen de pobres” afirmou. O consello económico social feitos  públicos este verán evidencian unha realidade moi grave e preocupantes. Así temos que o 92 por cento do emprego creado en 2017 foi temporal, os contratados a tempo completo en Galicia son a metade que no resto do Estado. En termos de evolución do emprego temos un 72 por cento máis de paro que antes da crise e o 41 por cento dos parados son de longa duración, catro puntos máis que no Estado.

En relación as pensións, En Marea levará tamén unha proposta para garantir que as pensións suban con respecto ao IPC. “Non aceptamos solucións a medias, queremos revalorización automática das pensións” explicou Villares.

A situación da CRTVG será outro dos temas centrais para En Marea. Feijóo despreza a CRTVG e ao país, despois da burla de manipular os medios fai o desprezo de dicir que non ve a TVG. Ante esta actitude, En Marea esixirá que sexa o propio Feijóo o que dea explicacións na Cámara sobre a situación dos medios de comunicación públicos.

Outros temas que se tratarán no pleno serán a mellora das condicións laborais do persoal de SEAGA, e as incidencias arranque curso escolar coa importante falla de docentes que están a provocar paros e tamén o retraso da concesión de servizos de cafetería.

O debate do estado da nación máis difícil para Feijóo

En canto ao debate do estado da nación, o voceiro de En Marea vaticinou que “vai ser o máis difícil da historia para Feijóo como presidente da Xunta xa que está a ser o seu ano horribilis e vai ter que dar moitas explicacións sobre os motivos para “deixar un país sen goberno, á intemperie”.