En Marea esixe ao goberno de Pedro Sánchez que abra unha vía de negociación bilateral para cambiar de xeito substancial o orzamento estatal para Galicia

O voceiro Luís Villares cualificou o orzamento presentado polo PSOE como “unha provocación, un despropósito e unha fuga de oportunidades” que non contarán co apoio dos deputados de En Marea se non hai cambios
Publicado por o día 15/01/2019 na sección de En Marea,Política

En Marea esixe ao goberno de Pedro Sánchez que abra unha vía de negociación bilateral para cambiar de xeito substancial o orzamento estatal para Galicia

O voceiro de En Marea, Luís Villares, asegurou que os orzamentos presentados polo goberno de Pedro Sánchez supoñen unha auténtica aldraxe con Galicia e non contarán co apoio dos deputados e deputadas de En Marea no Congreso se non se leva a cabo unha profunda modificación dos mesmos. Neste sentido Villares instou ao goberno central a abrir unha vía de negociación bilateral co obxectivo de “pasar das palabras aos feitos” e levar a cabo cambios substanciais que arranxen as graves deficiencias e poñan fin a este despropósito.

Nesta liña, Luis Villares asegurou que non aceptarán que Galicia quede por debaixo da media do investimento medio do resto do Estado. “O noso compromiso político é con Galicia e esixiremos ao goberno de Pedro Sánchez que cumpra ou non haberá apoio de En Marea aos orzamentos presentados polo Goberno central” afirmou.

O voceiro de En Marea lamentou que o goberno central non aproveitase a presentación dos orzamentos para dar solución á situación de Alcoa asegurando que “o orzamento é momento de aplicación do artigo 128.2 da Constitución e intervir Alcoa xa que existen fondos suficientes e consenso social para levar a cabo esta actuación”.

No relativo ás partidas destinadas ao AVE, Villares lembrou que tal e como está esta infraestrutura non vertebra o noso país, “non da solución aos problemas de comunicación interna de Galicia”. Así denunciou a ausencia total de proxectos de proximidade que si vertebrarían a comunicación diaria especialmente na área metropolitana Coruña e Ferrol pero tamén Coruña-Lugo, Lugo- Ourense, ou todo o FEVE entre Ferrol e Ribadeo.

En Marea bota en falla tamén nestes orzamentos a conexión ferroviaria no porto exterior Coruña, mantemento nas estradas pese a que nos últimos anos supuxo un incremento da siniestralidade como consecuencia deste déficit de mantemento, e pola contra segue afondado no que xa facía o PP, o despilafarro na A57. “O que deben facer é abandonar este proxecto e investir os cartos en liberar peaxe AP9” insistiu.

Outra das cuestións denunciadas polo voceiro de En Marea foi o “acusado castigo” á área metropolitana da Coruña ao non condonar a débeda do porto da Coruña pero si para o de Valencia. “Continúa a ameaza da especulación nos terreos portuarios da Coruña. O porto coruñés e o de Valencia comparten condicións análogas en termos xurídicos e económicos e por iso instamos á condonación da débeda do porto da Coruña” remarcou Villares. As contas estatais deixan en evidencia tamén a falla de compromiso medioambiental para a rexeneración da ría do Burgo.

“O orzamento do Estado presentado son unha provocación, un despropósito e unha fuga de oportunidades laborais, sociais, económicas para o noso país. Desde En Marea temos un contrato político coa cidadanía, un compromiso total e inamovible, e polo tanto se non cambian substancialmente as contas presentadas para Galicia, o orzamento non contará co apoio de En Marea” concluíu Luís Villares.