En Marea esixe ao Goberno español que dote a Lugo dun novo xulgado do social e corrixa inmediatamente esta discriminación

Luís Villares denuncia que o Executivo de Pedro Sánchez tomou deliberadamente unha decisión que prexudica a todas as traballadoras e traballadores da provincia e considera que debe rectificar.
Publicado por o día 07/03/2019 na sección de En Marea,Política

En Marea esixe ao Goberno español que dote a Lugo dun novo xulgado do social e corrixa inmediatamente esta discriminación

O voceiro de En Marea, Luís Villares, esixiu este xoves ao Goberno de Pedro Sánchez que dote dun novo xulgado do social a Lugo e corrixa inmediatamente a discriminación que está a cometer. “A situación que estamos vivindo co xulgado do social de Lugo non pode ser máis esperpéntica. O Goberno de España decidiu deliberadamente non dotar a Lugo cun cuarto xulgado do social, discriminando e prexudicando a todas as traballadoras e traballadores da provincia de Lugo”, denunciou Villares, quen engadiu que “cando se viu descuberto, dixo que era un erro e que si estaba feita a petición, pero non a incluíron, polo tanto queda clara a decisión política que adoptaron”.

Para Villares, esta discriminación debe ser corrixida inmediatamente, e o Executivo ten a oportunidade de facelo antes das vindeiras eleccións xerais. “O PSOE, con Pedro Sánchez á cabeza, está utilizando todos os venres ata as eleccións para sacar adiante medidas que non foi quen de sacar durante a lexislatura por falta de diálogo parlamentario. Pois ben, dentro deste conxunto de medidas, ten que estar incluída inexcusablemente a dotación do cuarto xulgado do social para esta cidade e para esta provincia” reclamou o voceiro de En Marea.

“No caso de non facelo, nós entenderemos que o PSOE incorre no mesmo tipo de tratamento discriminatorio que o PP facía co interior de Galicia, deixando sempre discriminadas a Lugo e Ourense, e levando todos os servizos exclusivamente para o eixo atlántico”, continuou o voceiro de En Marea, lembrando que a Vigo e Santiago si lles foi concedida unha nova sala do social. “Lugo non merece ser discriminada por esta decisión do PSOE, e polo tanto esiximos que rectifique inmediatamente, e tamén o faremos polas vías regulamentarias”, concluíu.