En Marea esixe ao Goberno que investigue a titularidade da Casa Cornide da Coruña

Publicado por o día 26/10/2018 na sección de En Marea,Política

En Marea esixe ao Goberno que investigue a titularidade da Casa Cornide da Coruña

O voceiro de En Marea no Congreso, Antón Gómez-Reino, e a deputada Yolanda Díaz presentaron nas Cortes varias preguntas relativas á titularidade da Casa Cornide da Coruña.

“A Casa Cornide ten que voltar á titularidade pública, de onde nunca debeu saír. Os Franco expoliaron o noso pobo de xeito ilexítimo”, afirman os deputados.

Entre algunhas das cuestións ao Executivo preguntan como pasou a Casa Cornide, que en 1957 era propiedade do Ministerio de Educación, “a mans do patrimonio persoal do ditador Francisco Franco”.

Ademais, En Marea quere coñecer se o Goberno ten constancia de que a adquisición da Casa Cornide por parte do ditador Franco foi froito dunha operación administrativa fraudulenta que implicou a varias institucións do Estado, diseñada polas élites do franquismo baixo a supervisión d0 ditador, para que poideran facerse coa propiedade da Casa Cornide.

Ante esta situación, os deputados preguntan ao Goberno se ten previsto investigar sobre esta cuestión para comprobar se, tal e como denuncian os investigadores, Franco adquiriu a propiedade de xeito ilexítimo.

Precisamente, este sábado 27 de outubro celébrase na Coruña unha marcha cívica antifranquista, teatralizada, pola devolución da casa Cornide ao patrimonio da Coruña, que sairá da Praza de María Pita da Coruña.