En Marea esixe ao Goberno unha solución para as factorías de Alcoa na Coruña e Avilés xa sexa atopando un novo inversor ou intervindo a empresa

O voceiro Luís Villares amosou o total compromiso coas traballadoras e traballadores e asegurou que non desistirán ata atopar unha saída
Por o 13/01/2019 | Sección: En Marea,Política
En Marea esixe ao Goberno unha solución para as factorías de Alcoa na Coruña e Avilés xa sexa atopando un novo inversor ou intervindo a empresa
Compartir en:

En Marea uniuse esta mañá ás traballadoras e traballadores de Alcoa na manifestación convocada contra o peche das factorías da Coruña e Avilés. O voceiro Luís Villares subliñou o total compromiso de En Marea na procura dunha solución repetindo o chamado á empresa para que paralice o ERE anunciado que permita un espazo temporal de seis meses para continuar a negociar unha viabilidade da empresa cun novo inversor.

Así mesmo, reclamaron ao Goberno do Estado que se implique activamente intervindo por unha banda buscando un inversor e por outra, empregar a Sociedade Española de Participacións industriais e poñerse na posición de antigo propietario no caso de que decida non continuar. Unha intervención que foi lexitimada pola propia comisaria da competencia da Unión Europea que dixo que este tipo de intervención é compatible co dereito europeo e tamén da Constitución Española a través do artigo 128.2.

Villares insistiu en sinalar que En Marea tanto no Parlamento como no Congreso centrará todos os seus esforzos en esixir ao goberno unha solución que garanta a viabilidade das factorías e o mantemento dos postos de traballo.

A voceira no Congreso, Yolanda Díaz, calificou de “intolerable” que a única proposta da ministra de Industria sexa o despedimento de centos de traballadores.

“A solución está na intervención da SEPI para garantir os postos de traballo. Estamos seguras de que a intervención da SEPI podería garantir que a producción de aluminio primario en Alcoa continúe”, insistiu Díaz, lembrando que levamos 7 meses de Goberno do PSOE e ata o de agora non tomaron ningunha medida para evitar o peche de Alcoa, unha empresa que ten recibido moitos recursos públicos.

Comentar noticia

Your email address will not be published.