En Marea esixe ao Parlamento o cese inmediato da Valedora do Pobo polo uso abusivo do seu poder na adxudicación a dedo dun posto de responsabilidade 

A formación levará a destitución de Milagros Otero á Cámara se esta non actúa coa debida responsabilidade presentando a súa dimisión.
Por o 02/07/2018 | Sección: En Marea,Galicia,Política
En Marea esixe ao Parlamento o cese inmediato da Valedora do Pobo polo uso abusivo do seu poder na adxudicación a dedo dun posto de responsabilidade 

En Marea levará ao pleno do Parlamento de Galicia a proposta de destitución da Valedora do Pobo. A formación entende que Milagros Otero non pode permanecer nin un día máis no seu cargo, tras terse demostrado a súa actuación arbitraria e totalmente contraria ás súas funcións en relación ao nomeamento da irmá do voceiro do Partido Popular na Cámara galega como xefa do servizo de Administración e Persoal. Así as cousas, a formación xa rexistrou a solicitude para que o Parlamento aborde o antes posible o cese da responsable da Valeduría do Pobo.

Tras saír á luz as irregularidades vinculadas a un procedemento de selección na Valeduría do Pobo, En Marea entende que o asunto non pode quedar pechado coa simple execución da sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que anula o nomeamento de María Puy Fraga. “Isto non nos chega. Parécenos que a intervención directa da Valedora neste procedemento debe dar lugar á asunción directa de responsabilidades políticas, e polo tanto debe renunciar”. Son palabras do voceiro de En Marea, Luís Villares, que anuncia a intención de En Marea de someter á consideración da Cámara galega a destitución de Milagros Otero se esta non toma a iniciativa de apartarse do seu cargo de xeito inmediato.

En vista da sentenza do TSXG, Villares non ten dúbida de que “arbitrariedade, desviación de poder e vulneración dos dereitos fundamentais” son termos que definen á perfección á actuación da Valedora en relación a este asunto. Un xeito de actuar que de ningunha maneira debe permitirse á responsable dunha institución cuxa finalidade é, precisamente, a de velar e garantir o cumprimento dos dereitos da cidadanía.

Villares destaca que “a sentenza é moi clara” ao falar das “numerosas irregularidades e da flagrante vulneración do procedemento directamente relacionado coa imparcialidade” en que incorreu a Valedora; que ademais ocultou información á persoa interesada que recurriu na vía administrativa contra o nomeamento da seleccionada que agora obriga a destituir o TSXG.

O voceiro de En Marea entende que non é de recibo que a persoa que permitiu este trato de favor e vulnerou os dereitos dos demais candidatos, “que non foron tidos en consideración, examinados nin ponderados”, continúe á fronte da Valeduría do Pobo e siga sendo a presidenta da Comisión de Transparencia de Galicia. “Esta é a señora que vela pola transparencia nos procedimientos da administración galega?” pregúntase Villares, que considera “evidente que se está pagando o favor do propio nomeamento” dunha persoa que actúa como “valedora dos seus propios intereses e dos do Partido Popular”.

“Non podemos permitir que se siga usurpando unha institución que debe velar polo cumprimento dos dereitos fundamentais. Isto é inaceptable. É inaceptable que a día de hoxe esta señora siga sendo a Valedora”, asegura o voceiro de En Marea; que ve neste episodio unha nova proba do caciquismo do Partido Popular, que emprega as institucións en beneficio propio e para pagar favores.

“O uso particular das institucións en beneficio propio, para pagar favores, para favorecer aos amigos; o uso clientelar das institucións non pode ter cabida en democracia. Señora valedora, por decencia democrática dimita inmediatamente”, afirma Villares; que aspira a conseguir o posicionamento unánime de todos os grupos na Cámara para conseguir que as institucións públicas non se convirtan “nunha axencia de colocación de amigos, parentes e coñecidos”.

“Como vai amparar os dereitos da cidadanía unha señora que os vulnera? Está totalmente desacreditada. A decencia democrática imporía que hoxe mesmo dimitise”, conclúe o voceiro de En Marea.

Comentar noticia

Your email address will not be published.