En Marea esixe explicacións pola chapuza da Xunta ao dar por válida unha falsa convocatoria de folga na Administración

Eva Solla e Carmen Santos rexistran unha iniciativa para que o Executivo autonómico responda sobre a falta de comprobación da oficialidade da folga
Publicado por o día 22/03/2019 na sección de En Marea,Política

En Marea esixe explicacións pola chapuza da Xunta ao dar por válida unha falsa convocatoria de folga na Administración

En Marea rexistrou unha inicitiva no Parlamento na que esixe que a Xunta de Galicia dea explicacións por outorgarlle validez a unha falsa convocatoria de folga na Administración para o pasado 21 de marzo, chegando a publicar un decreto de servizos mínimos no DOG. A deputada Eva Solla, promotora da pregunta xunto a Carmen Santos, considerou que “este nivel de chapuza, de improvisación e de falta de comprobación da oficialidade dunha folga non é admisible”.

Como sinala a deputada de En Marea e se recolle no texto da iniciativa, en varias administracións, en concreto no Sergas, as traballadoras e traballadores tiveron que asinar os servizos mínimos. “É moi grave e difícil de comprender que non se comprobe a veracidade dunha convocatoria de folga que non existe e se publiquen ademais nun documento oficial uns servizos mínimos que se lle fan asinar ao persoal”, criticou Solla, que ademais anunciou que tamén demandará coñecer a implicación que ten a sinatura dos servizos mínimos, xa que “se obrigou a unhas persoas a estar de mínimos e outras podíanse ter acollido a esa folga non convocada por ningún sindicato”.

Segundo o exposto na publicación do DOG, o sindicato Solidaridad y Unidad de los Trabajadores (SUT) convocou unhafolga para todas e todos os traballadores temporais das distintas Administracións Públicas de todo o Estado, así como para os funcionarios de carreira que quixeran sumarse, dende as 00.00 horas do 21 de marzo ata as 24.00 horas do mesmo día. O propio 20 de marzo, o sindicato SUT, emitiu un comunicado no que dicía descoñecer dita convocatoria nin os termos da mesma, así como a persoa ou persoas que empregaron o nome do sindicato para realizala, eludindo calquera tipo de responsabilidade sobre a mesma. Na iniciativa de En Marea tamén se solicitan aclaracións sobre se o Goberno autonómico tivo coñecemento deste comunicado, quen notificou a convocatoria e se pensan facer algún tipo de rectificación, algo que Eva Solla ve “necesario tras o nivel de chapuza amosado” pola Consellería de Vicepresidencia.