En Marea esixe que as empresas adxudicatarias de Navantia subroguen os postos de traballo

Publicado por o día 04/03/2016 na sección de En Marea,Política

En Marea esixe que as empresas adxudicatarias de Navantia subroguen os postos de traballo

En Marea denuncia a destrución de emprego das novas empresas adxudicatarias do sector naval e esixe que subroguen os postos de traballo

  • Dende En Marea esixímoslle a Navantia garantías inmediatas para que no caso de mudanza de empresa na adxudicación de servizos se subrogen os postos de traballo”, sinala Yolanda Díaz, portavoz de Industria no Congreso.

 Trala noticia de que a nova empresa adxudicataria do mantemento dos estaleiros da ría de Ferrol (a UTE madrileña conformada por Ferrovial e Elinco) non asumirá os 45 traballadores que viñan desempeñando ata agora esa función, En Marea denuncia a incesante perda de postos do traballo no sector naval perante a actitude impasible do Goberno e a ausencia de políticas encamiñadas a crear emprego digno na comarca de Ferrol, fortemente castigada pola crise e o proceso de desindustrialización.

A deputada de En Marea e portavoz de Industria no Congreso, Yolanda Díaz pídelle a Navantia que esixa ás novas empresas adxudicatarias que garantan os postos de traballo e subroguen os empregados que viñan desempeñando esas funcións ata agora. “Dende en Marea rexeitamos firmemente o xeito de proceder destas contratacións e esiximos garantías inmediatas para que no caso de mudanza de empresas coma esta a Ferrovial, se garanta a contratación e subrogación dos traballadores que están empregados”, destacou Yolanda Díaz.

Para En Marea, é inadmisible que unha empresa pública coma Navantia estea contribuíndo a destruír e precarizar o emprego, pois as propias forzas sindicais denunciaron que Ferrovial xa contratou 38 novas persoas con salarios mileuristas para o mesmo traballo. “Hai que parar este drama que estamos a vivir na comarca de Ferrolterra, que está permantemente alimentando as cifras do desemprego con máis de 4.500 traballadores que están na rúa por falta de traballo”, denuncia a voceira de Industria no Congreso.

En Marea presentará nas vindeiras semanas na Cámara Baixa iniciativas parlamentarias para esixirlle ao Goberno que empresas públicas coma Navantia inclúan nas súas novas adxudicacións a obriga de manter os antigos traballadores.

PRENSA EN MAREA