En Marea esíxelle á Xunta que cumpra a lei en materia de igualdade

A deputada Paula Quinteiro cualificou de fracaso as políticas de igualdade da Xunta nos últimos anos e fixo un chamamento á participación na folga feminista do 8 de mar
Publicado por o día 25/02/2019 na sección de En Marea,Política

En Marea esíxelle á Xunta que cumpra a lei en materia de igualdade

En Marea esixiulle este luns á Xunta que cumpra a lei en materia de igualdade, ao considerar que “o balance das políticas públicas levadas adiante dende a Executivo autonómico nos últimos anos é de fracaso”. Así o expresou a deputada Paula Quinteiro, engadindo que doce anos despois da aprobación dunha lexislación moi avanzada en igualdade, a lei de 2007, “aínda temos que estar esixindo que se cumpra e se desenvolva esta lei. Parece que coa igualdade sempre se poden permitir os incumprimentos. Isto é impensable se falamos doutras materias. E o único motivo é que non hai unha vontade política real, as políticas feministas non están no centro da axenda do goberno. Non son unha prioridade”. Como exemplo, citou a composición do Consello Económico e Social de Galicia, onde hai 8 mulleres e 25 homes. “A paridade ten que exercerse, non ser só un slogan”, criticou.

Paula Quinteiro realizou un chamamento á participación na folga e nas mobilizacións feministas do 8 de marzo, xa que “queda moitísimo por avanzar para rematar coas desigualdades que vivimos”. Deste xeito, denunciou as actitudes do PP en diferentes ámbitos, como o posicionamento que tivo a Xunta o ano pasado, cando obstaculizaron un dereito fundamental como o de folga “impondo uns servizos mínimos esaxerados, totalmente abusivos, e que no teñen outro sentido que poñer trabas, unha situación intolerable e que non pode volverse dar”. Quinteiro considera que “deben rectificar e poñerse de parte das mulleres e non de Pablo Casado”, a quen acusou de “infantilizar as mulleres” coas súas declaracións sobre o aborto, algo que forma parte da “ameaza evidente de que a dereita nos faga retroceder en moitos dos nosos dereitos”. Quinteiro pediulle ao PP que se desmarque destas declaracións machistas, ademais de esixir que tamén Miguel Tellado rectifique o manifestado con respecto á convocatoria de folga e que a apoie.

A deputada de En Marea anunciou que as propostas da formación no Pleno do Parlamento desta semana centraranse na igualdade en diferentes ámbitos, “que poden supoñer, de aprobarse, avances nos nosos dereitos”. En primeiro lugar, apuntou que “o Parlamento tamén debe sumarse ao apoio ao feminismo galego. Por iso presentamos na pasada xunta de voceiros unha proposta de declaración institucional para que así sexa, e agardamos que poida ser acordada, aínda que polo de agora non obtivemos resposta”. Outras iniciativas serán en materia sanitaria, “onde levamos moitos anos de desleixo e desmantelamento por parte da Xunta”, e en educación sexual “vemos a mesma situación, pero que imos esperar cun Goberno que perpetúa con subvencións as escolas que segregan por sexo?”. Con respecto ás traballadoras do fogar, Quinteiro sinalou que son un colectivo invisibilizado e reclamou que a Xunta realice un estudo sobre a súa situación. Por outra banda, incidiu en que as PNL que presenta o PP nas que esixe ao Goberno do Estado unha lei de igualdade retributiva e outra de conciliación “son un insulto porque vetaron sistematicamente no Congreso as iniciativas do Grupo Confederal nestas materias”.

En relación á folga, Quinteiro apuntou que ten catro eixos fundamentais: o laboral, o estudantil, o de consumo, e o de coidados, e será “unha maneira de visibilizar que as mulleres padecemos desigualdades e violencias en todos os ámbitos da nosa vida. Por iso, nós nos traballos que estamos levando adiante para o posible pacto galego, sempre poñemos dúas condicións fundamentais. Precisamos orzamento e calendarización das propostas, senón pode darse que todo quede en papel mollado”. Para finalizar, expresou que “as mulleres xogámonos moito. Estamos nunha situación na que os avances de décadas de loita están ameazados . Estas próximas eleccións xerais son decisivas especialmente para as mulleres”.