En Marea: “Esiximos a xestión directa do Ingreso Mínimo Vital por parte da Xunta e apostamos por unha Renda Básica Universal e incondicional”

A integrante do Consello das Mareas, Eva López, recoñeceu o Ingreso Mínimo Vital aprobado polo Goberno do Estado como “unha medida necesaria”, se ben “non suficiente”
Publicado por o día 03/06/2020 na sección de En Marea,Política

En Marea: “Esiximos a xestión directa do Ingreso Mínimo Vital por parte da Xunta e apostamos por unha Renda Básica Universal e incondicional”

Consideramos a aprobación do Ingreso Mínimo Vital, por parte do Goberno do Estado, como “unha medida necesaria aínda que non suficiente” e reclamamos a súa xestión directa por parte do Goberno da Xunta de Galicia. Así o manifestaron a integrante do Consello das Mareas, Eva López e o covoceiro da organización, Pancho Casal.

Para Eva López o Ingreso Mínimo Vital aínda adoece dunha serie de limitacións, pois non se trata dunha prestación universal, nin suficiente, nin incondicional, nin de carácter individual. Eva lembrou que este ingreso non servirá para loitar contra a pobreza, senón máis ben para atallar situacións de pobreza extrema que pasarán a ser só de pobreza.

Neste senso, defendemos a implementación dunha Renda Básica Universal como medida de liberdade para negociar as condicións e os tempos laborais, para decidir un emprego sen explotación e para tomar decisións por unha vida digna e decente.

Pancho Casal, lembrou cando no ano 2018 PP, Cs e Vox tumbaron no Congreso a renda básica universal presentada por iniciativa lexislativa popular avalada por máis de 700.000 sinaturas.

Coincidimos coa solicitude de que a xestión debe ser de proximidade e trasladada ás comunidades autónomas así como que debe estar xestionada en colaboración cos concellos, cousa que non se está facendo coa RISGA. Porén, lembramos a experiencia da xestión da RISGA, hiperburocratizada e que non chega nin ao 20% das persoas que o precisan.

Así mesmo, reclamamos ao Goberno do Estado, que cumpra co pacto de investidura que asinou co BNG e lamentamos que estes últimos esqueceran aquel acordo co PSOE no que se recollía que Galicia non ía quedar atrás en ningunha nova cesión competencial do Estado a Euskadi e Cataluña.