En Marea: “Esiximos o desconfinamento do autogoberno e da lingua en Galicia”

Esiximos que a desescalada desconfine o autogoberno, a lingua e a cultura, a capacidade de organización, o próximo, o comunitario e o equilibrio territorial do rural coa finalidade de recuperar unha realidade ecolóxica, feminista, social e laboralmente xusta.
Publicado por o día 07/05/2020 na sección de En Marea,Política

En Marea: “Esiximos o desconfinamento do autogoberno e da lingua en Galicia”

Durante o Estado de Alarma o Presidente da Xunta renunciou ao autogoberno de Galicia, non só porque a Deputación Permanente forma parte das institucións de autogoberno, por tanto debe respectala e comparecer con regularidade, senón porque durante este tempo tampouco a Xunta exerceu unha defensa do estado autonómico e do noso marco de competencias como País. Isto non impide que lle pidamos contas pola súa responsabilidade, pois que a incidencia da pandemia do coronavirus en Galicia non tivera a virulencia doutras Comunidades Autónomas, NON ten unha relación directa coa actuación da Xunta, senón coas características específicas do noso país: elevada dispersión da poboación, baixo nivel de contaminación.. pero o nivel de contaxios e mortalidade das persoas maiores que viven en residencias SI está relacionado directamente coa súa xestión. A probabilidade de contaxiarse triplicábase nas residencias privadas e a de morrer quintuplicábase.

Para En Marea, buscar a rendibilidade comercial, o ánimo de lucro mediante a especulación e o recorte dos servizos públicos amosouse incompatible con salvarnos.

As responsabilidades de Núñez Feijoo non poden encubrirse co Estado de Alarma, porque a situación deriva da súa política durante unha década de empeoramento da calidade de vida de galegas e galegos.

Agora, cunha cuarta prórroga, é cando o goberno central empeza a acordarse da COGOBERNANZA, é dicir, que existe unha realidade política e social traducida en institucións públicas de autogoberno que xustifican que o goberno central se apoie e confíe nelas para garantir a saúde e a vida da cidadanía.

Dende En Marea reivindicamos unha concepción do Estado de Alarma acorde coa plurinacionalidade do estado baseándonos en que a realidade plurinacional xustifica a individualización da resposta sociosanitaria e socioeconómica á pandemia. As normas que emanaron durante estas semanas do goberno central non sempre foron xustas porque trataron igual situacións que son desiguais. Sirva como exemplo:

  • As restricións aos concellos de máis de 5 mil habitantes para as saídas escalonadas. Medidas que pensan en núcleos urbanos desas poboacións e non nos concellos galegos, que habitualmente con poboacións entre 5 e 10 mil habitantes, rara vez teñen un núcleo urbano tan poboado debido á dispersión (ao contrario do que sucede no resto do Estado).
  • As limitacións ao cultivo de hortos e actividade agraria de autoconsumo, que en Galicia ten unha importancia socioeconómica en 2/3 do territorio non comparable ao resto do Estado.

En relación ao desconfinamento, o propio Feijoo pareceu referirse á conveniencia de que se producise por áreas sanitarias e non por provincias. Dende En Marea lembrámoslle que en 2018 o goberno de Feijoo reformou a Lei de Saúde de Galicia para eliminar as áreas sanitarias do Barco de Valdeorras, Monforte, A Mariña e o Salnés, facéndoas máis similares ás provincias. A nosa proposta de dividir o País en 14 áreas, co seu propio criterio, permitiría unha desescalada máis apegada á situación de cada territorio dentro de Galicia.

Agardamos que reflexione e rectifique, que é cando o PP acerta, rectificando.

O Estado de Alarma confinou o autogoberno, co beneplácito de quen ostenta a súa titularidade no executivo, o Sr. Núñez Feijoo e iso é inaceptable en termos democráticos.

Reivindicamos o exercizo pleno do autogoberno durante o Estado de Alarma en todo aquelo que signifique o exercizo das competencias autonómicas, e urximos unha reflexión e reforma da institución dos estados excepcionais en canto sexa posible.

Cogobernanza debe significar capacidade de decisión compartida entre o Estado e Galicia. Isto significa que non se poden tomar decisións que afecten ao noso país non xa sen a audiencia da Xunta, algo que sucedeu ata agora, senón sen o consentimento e acordo sobre temas sobre os que que a Comunidade Autónoma detenta competencias.

É tempo de desconfinar o autogoberno. Iso non o fará Feijoo porque nunca o fixo, sempre espoleou as súas propias competencias cando lle interesou dende o punto de vista persoal e partidista, non polo interese xeral: sempre para confrontar electoralmente, nunca pola cidadanía. Dende En Marea animámolo a reivindicar o exercizo do autogoberno para acadarmos unha nova normalidade xusta para toda a cidadanía de Galicia.

Cómpre desconfinar o autogoberno e desconfinar a lingua: En Marea reivindicamos a lingua e a proximidade na solidariedade nacional. O goberno central non tivo en conta a nosa lingua e Feijoo renunciou a ela na xestión da crise. Foi como retroceder 50 anos.

A desescalada ten que desconfinar a lingua e a cultura, o autogoberno, a capacidade de organización, o próximo, o comunitario, o equilibrio territorial do rural… coa finalidade de recuperar unha realidade ecolóxica, feminista, social e laboralmente xusta. Do branco e negro á cor.

Deberemos pensar se queremos servizos de proximidade baseados máis nas relacións ou seguir cos modelos actuais nos que a especulación e mercantilización convertéronse no eixo principal no deseño e a oferta dos mesmos.

Desculpe que desconfinemos, e desconfiemos de vostede, señor Núñez.   

Comentar noticia

Your email address will not be published.