En Marea: “Esiximos que se respecte a autonomía das universidades e cuestionamos a xestión do PP”

Esiximos que se garanta o servizo público de educación superior universitario e reprochamos ao Goberno de Feijoo que rectifique só por evitar unha liorta no período electoral.
Publicado por o día 29/05/2020 na sección de En Marea,Política

O Goberno de Feijoo ben de rectificar o seu proxecto “Programa de transformación á docencia innovadora”, que aproveitando as inéditas circunstancias deste curso pretendía abocar ás universidades públicas do SUG a unha mudanza que desvirtuaría a súa condición de universidades presenciais, polo que En Marea compartimos a satisfacción expresada por distintos colectivos universitarios diante desa retirada por parte da Consellería.

O covoceiro de En Marea, Pancho Casal asegura que o Partido Popular volve acertar cando o forzan a rectificar, e cuestiona se o farían por non ter liortas antes das eleccións e que farán despois do 12 de xullo se gañan.

As universidades do país levan traballando desde que se declarou o estado de alarma para mellorar a súa docencia non presencial anticipando formación e achegando ferramentas tecnolóxicas, así como ofrecendo distintas axudas para a conectividade e apoio a aquel alumnado máis prexudicado polos efectos da COVID-19. Agora mesmo están planificando o vindeiro curso considerando distintos escenarios que van reclamar a combinación da docencia presencial e non presencial mentres persista a necesidade de acomodarse a instrucións sanitarias extraordinarias.

No canto de escoitar as propostas das universidades a Consellería lanzou o precitado Plan con moi pouco tempo para a súa discusión no marco das comunidades universitarias, vinculando a iniciativa a unha expansión das modalidades non presenciais alén da crise sanitaria, e da man de entidades externas ás universidades.

Para En Marea, nun exercicio mal disimulado da doutrina do schok a Consellería quixo aproveitar esta difícil situación para avanzar nun plan que semella descoñecer as necesidades das universidades e a súa priorización, así como a súa vocación de servizo público e carácter presencial. O programa recollía un cronograma de accións que só poden entenderse desde a súa utilización partidista no marco da precampaña electoral. Non se nos escapa tampouco que a Consellería ten en perspectiva sacar adiante a primeira universidade privada do país, creando un oco específico para as súas titulacións, con políticas que poden devaluar a oferta académica das universidades públicas e minguar as súas plantillas, sometidas desde hai anos ás constricións orzamentarias emanadas da administración da crise económica.

Para En Marea a Xunta de Galicia debe traballar asegurando que a formación universitaria chegue a todas e todos, que se reverta a fenda dixital e que todo o alumnado poida ter os medios para poder aproveitar esa posibilidade mixta de presencialidade e non presencialidade.

En Marea reclamamos que a Consellería respecte a autonomía universitaria e manteña unha actitude receptiva e de necesaria colaboración institucional coas tres universidades do país para darlle cobertura ás propostas que de maneira consensuada están realizando para garantir o servizo público de educación superior universitario.

Comentar noticia

Your email address will not be published.