En Marea esixirá no Parlamento que se poña fin aos abusos dalgúns Concellos co persoal de emerxencias

O voceiro da formación e o presidente de AGESGA denuncian o uso inaxeitado de medios e persoal que realizan algúns consistorios
Publicado por o día 06/09/2018 na sección de En Marea,Política

En Marea esixirá no Parlamento que se poña fin aos abusos dalgúns Concellos co persoal de emerxencias

En Marea levará ao Parlamento de Galicia a problemática derivada do mal uso dos grupos supramunicipais de emerxencias que están a realizar algúns concellos. A formación denuncia a inaceptable práctica que supón o emprego de persoal adscrito a este colectivo para realizar desbroces ou tarefas de vías e obras. Así como os incumprimentos en materia laboral que, en último caso, supoñen unha perda de calidade do servizo e poñen en risco a seguridade da cidadania.

O grupo parlamentario de En Marea reuniuse este martes con representantes da Asociación de Grupos de Emerxencias Supramunicipais de Galicia (AGESGA). Un encontro de traballo que deixou en evidencia a necesidade de actuar para que a seguridade e a axeitada cobertura dos 174 municipios que cubren estes grupos quede, dunha vez por todas, garantida.

“O mapa de emerxencias de Galicia non está funcionando, non existe. E é así porque os encargados de facelo efectivo, os GES, non están funcionando como deberan”. Son palabras do voceiro de En Marea, Luís Villares, que denuncia unha “situación que pode redundar nun servizo de menor calidade e na perda da eficacia” derivada das presión dalgúns consistorios para que estes profesionais asuman desbroces e “peonadas” que non lle son propios e que implican un atraso nos tempos de intervención ante emerxencias por enriba dos 20 minutos recomendados.

Así as cousas, En Marea reivindicará unha reforma normativa da Lei de Emerxencias de Galicia que defina mellor as funcións dos GES e os desvincule do mando directo dos Concellos.

“Os GES son os encargados de chegar en primeiro lugar a accidentes, incendios forestais ou urbanos, e a atención nos primeiros momentos é primordial para salvar vidas”, afirma Luís Villares, que denuncia “a degradación completa dun servizo que debe prestarse a unha poboación á que non chegan os parques de bombeiros; zonas que hai que atender para garantir que toda a poboación estea cuberta”.

En sintonía co que demanda o persoal dos GES, En Marea reclamará a creación de consorcios de ámbito comarcal ou provincial que asuman o mando directo de todos os grupos, “pois a prestación do servizo de emerxencias nin sequera está encomendada aos Concellos”.

“En canto á definición das súas funcións, é necesaria unha reforma normativa. Tamén mellorar as súas condicións profesionais”, pois, tal e como denuncia o voceiro de En Marea, “existe unha xeralizada falta de medios”. Os equipos de protección persoal “moitas veces non son adecuados e non contan con medios para excarceracións ou atencións sanitarias”. Mentres que, pola contra, “existen outros medios infrautilizados ou aos que se lles están dando fins diferentes” aos propios.

Nesa liña, Villares denuncia  a “gravísima e inaceptable malversación de fondos públicos” que supón o emprego de vehículos dotacionais, motobombas ou carrocetas adquiridas con fondos europeos para atención de emerxencias para outras tarefas.

En Marea traballará tamén para que baixas e vacacións se cubran ou se paguen conforme a convenio en todos os casos, así como para rematar co exceso de horas de traballo que, a día de hoxe, o persoal dos GES está tendo que asumir de xeito forzoso en moitos concellos, especialmente das provincias de Lugo e Ourense.

“En materia de formación é necesario que os días que reciben sexan a cargo do propio traballo e non teñan, como agora, que coller días libres para recibila. É necesario que esa formación sexa periódica e reglada, e que se dispense na Academia de Emerxencias de Galicia”, indica Villares. Que tamén denuncia o que “en moitos casos as instalacións nas que traballan estes grupos non cumpren coas condicións mínimas de seguridade e saúde nos lugares de traballo.