En Marea evidencia as incoherencias dun cargo de RENFE que admitiu que se coñecía a perigosidade da curva de Angrois

O Director Xeral de Seguridade, Organización e Recursos Humanos de Renfe, Cecilio Gómez, recoñeceu que o maquinista Garzón non recibiu ningunha formación posterior ao aviso de Mazaira de perigosidade da curva, pero que se lle dera antes formación específica debido a ese risco, polo que coñecían a perigosidade da curva.
Publicado por o día 07/11/2018 na sección de En Marea,Política

Na Comisión de Investigación do Alvia no día de hoxe comparecen diversos ex cargos de Adif e un cargo de Renfe.

A deputada de En Marea, Alexandra Fernández, lembroulle a Cecilio Gómez Comino, Director Xeral de Seguridade, Organización e Recursos Humanos de Renfe, que non podía faltar á verdade na Comisión: “Dígoo porque incorreu en moitas contradicións tanto no que atinxe ao aviso do daquela Xefe de Maquinistas sobre a perigosidade da curva de Angrois, o Señor Mazaira, como o que atinxe á cuestión da formación a Garzón, o maquinista, como no que atinxe á atención á chamada do interventor”.

Fernández foi evidenciando as súas incoherencias e iterpelouno sobre o aviso do entón Xefe de maquinistas, o Señor Mazaira, nun correo electrónico no que alertaba da perigosidade da curva de A Grandeira. “Seguiu Renfe o procedemento de xestión de riscos estabelecido no sistema de xestión de seguridade para avaliar ese perigo, mitigalo e controlalo?”.

Cecilio Gómez Comino limitouse a sinalar que “non se puido analizar porque non chegou ao foro axeitado”, mais ao tempo recoñeceu que algunhas persoas tiñan coñecemento do aviso e á vez que se leron parte do comunicado pero non todo.

O cargo de Renfe situouse nunha dinámica argumentativa contradictoria, polo que Alexandra Fernández insistiulle en que o aviso de Mazaira si chegou, como xa confirmaran outros cargos. A partir dese momento, a deputada de En Marea puxo de manifesto que non se atendeu á alerta de Mazaira, nin se analizou nin se avaliou segundo o procedemento.

Unha vez demostrado que recibiran a alerta de Mazaira, o cargo de Renfe apuntou a que decidiran aumentar a formación do maquinista, José Garzón, mais a deputada de En Marea evidenciou que a formación foi en novembro cando o aviso foi de decembro, polo que tivo que admitir que Garzón non recibiu ningún tipo de formación posterior ao aviso de Mazaira.

Ademais, acabou afirmando que se lle dera formación específica a Garzón pola perigosidade da curva,  o que é recoñecer que xa sabían da perigosidade da curva con anterioridade.

Fernández tamén lle reprochou as súas incoherencias en relación á que o maquinista atendese chamadas telefónicas cando a normativa lle obriga a  atendelo.

A deputada de En Marea rematou criticando que se insista na teoría da culpabilidade do maquinista cando non se analizan as causas subxacentes, nin se atende a petición da ERA de reabrir a investigación da CIAF.

Nesta sesión tamén compareceu José Manuel Galindo, ex Director de Vía de Alta Velocidade de Adif e Subdirector de Vía, a quen a deputada de En Marea, Alexandra Fernández, dirixiu unha serie de cuestións e consideracións relacionadas co cadro de velocidades e a súa falla de interrelación co sistema de seguridade e a sinalización.

Fernández aludiu a unha xunta realizada en xuño de 2011 sobre a coordinación do Cadro de Velocidades Máximas, onde se aborda o tramo do accidente e indícase que debe correxirse o CVM para dar homexeneidade e evitar saltos de velocidade. “Mantívose na curva de Angrois un cambio de velocidade moi brusco: de 200 a 80 ou de 300 a 80, sen escalonamentos. É como se nunha autovía un coche vai a 120 e chega directamente a unha rotonda a 40 sen aviso intermedio”, puntualizou a deputada.

Todas as explicacións de José Manuel Galindo redundaron en alegar que a súa tarefa estivo circunscrita únicamente a poñer as velocidades máximas na vía. “Só puxen as velocidades axeitadas a cada curva”.

Fernández amosoulle o seu estupor por facer algo tan illado que nin siquera se pon en interrelación co sistema de seguridade ou coa sinalización. “Plantexan o cadro de velocidades máximas sen saber que sistema de seguridade se implanta ou a sinalización? Vostede non sabía que sistema de seguridade se ía implantar? Non se vinculan as velocidades á seguranza? A verdade que non se entende”, aseverou a deputada de En Marea.

A pesar da batería de preguntas de Alexandra Fernández ao ex cargo de Adif sobre ERTMS, fallo humano e velocidades, o Señor Galindo non saiu do seu guión: “podo falarlle de velocidades pero non podo avaliarlle o fallo humano nin sistemas de seguridade. Só a velocidade na vía”.