En Marea fai un chamamento ao Ministerio para que constitúa unha mesa de traballo en Isowat coas partes afectadas

En Marea quere que a ministra de Industria se reúna na Coruña co Comité de Empresa, do mesmo xeito que fixo no comité de Medina del Campo.
Publicado por o día 07/01/2019 na sección de En Marea,Política

En Marea fai un chamamento ao Ministerio para que constitúa unha mesa de traballo en Isowat coas partes afectadas

A deputada de En Marea, Yolanda Díaz, mantivo este luns unha xuntanza co Comité de Empresa Isowat, que están vivindo momentos difíciles e que precisan dunha actuación imediata por parte da Xunta e do Ministerio de Industria, aos que solicitan unha mesa de traballo na que estén todas as partes implicadas.

“Levan 4 meses sen cobrar e os seus postos de traballo están en perigo. É unha empresa con capacidade de negocio suficiente, e no propio sector hai actividade mercantil para poder afrontar a situación”, explicou a deputada nunha rolda de prensa esta mañá.

Ante esta situación, En Marea rexistrou unha batería de preguntas á ministra Reyes Maroto, para coñecer se ten previsto reunirse co comité de empresa na Coruña do mesmo xeito que fixo no comité de Medina del Campo.

A deputada de En Marea tamén destacou que hoxe mesmo facemos un chamamento ao Ministerio para que constitúa, como piden os traballadores e traballadoras, unha mesa de traballo na que estén implicadas as partes afectadas: os traballadores a través dos comités de empresa, pero tamén a Xunta e o propio ministerio.

“Ademais, pedimos que nos explicite cales son os traballos que están a facer dende o ministerio para garantir os postos de traballo e a actividade mercantil. Non é que non haxa carga de traballo, hai carga, pero as xestións deficientes provocan esta situación”, afirmou Díaz.En Marea quere que haxa unha “interlocución áxil e unha interveción na empresa por parte de Xunta, como se fai tamén noutros sectores”.

“Estamos convencidas de que hai empresas que estarían interesadas en pervivir a través de Isowat, as dúas administracións están para isto. O ministerio non ten escusa, co PP non había ministerio de Industria, pero agora hai recursos públicos para esta actuación. O importante para un país é defender os postos de traballo e o tecido produtivo”, insistiu a deputada.