En Marea formará unha gran coalición con Compromís e outras forzas para a construción dunha Europa máis social e máis democrática que teña en conta ás persoas e non os intereses económicos

Luís Villares anunciou esta mañá a formación desta coalición para as eleccións europeas na que EM parte no segundo posto, e que baseará a súa presenza en Bruselas para defender o emprego, o estado do benestar e o medio ambiente como eixos principais
Publicado por o día 12/04/2019 na sección de En Marea,Política

En Marea formará unha gran coalición con Compromís e outras forzas para a construción dunha Europa máis social e máis democrática que teña en conta ás persoas e non os intereses económicos

O voceiro de En Marea, Luís Villares, anunciou esta mañá a formación dunha gran coalición para as eleccións europeas con Compromís, EQUO, Més per Mallorca, Chunta Aragonesista e outras forzas que se irán sumando para “a construción dunha Europa máis social, máis democrática e que teña en conta ás persoas e non os intereses económicos”, indicou Villares.

Un acordo no que En Marea parte no segundo posto, e que o voceiro do espazo do cambio calificou de magnífico porque posibilitará a representación dos intereses de Galicia e das súas maiorías sociais en Europa. Trátase dunha coalición de carácter plurinacional que “permitirá levar ao espazo europeo as demandas do noso país, e ao mesmo tempo buscar ampliar dereitos para o conxunto da cidadanía, no só da sociedade galega senón tamén do resto do estado, na procura dunha Europa máis xusta e máis social”, precisou o voceiro de En Marea que aclarou cales serán os tres eixos principais que defenderá a coalición en Bruselas: o emprego, o estado de benestar e o medio ambiente.

O primeiro dos obxectivos é a defensa dos postos de traballo do noso país no sector agrario, no gandeiro, e no pesqueiro, pero tamén no industrial. Neste eido, levaremos a Europa a toda costa a deslocalización empresarial. “Non pode ser que empresas como Poligal ou Bosch deslocalicen a súa produción fóra da Unión Europea”, denunciou Villares e engadiu que “é preciso atopar aranceis sociais para aquelas empresas que queiran marchar de Europa e queiran seguir tendo aquí o seu nicho de mercado despois de despedir a miles de traballadores do noso país”. Polo tanto, En Marea comprométese a levar a Europa a defensa do emprego fronte á deslocalización.

O segundo dos eixos que defenderá esta gran coalición é o estado de benestar ante a idea que está a plantexar a UE de privatizar todo o sistema público de pensións. “Estamos decididos a defender un sistema público de pensións que funcione ben, que provea de seguridade aos nosos maiores depois dunha vida traballando e á que teñen dereito”, anunciou o voceiro de EM ao tempo que aclarou que defender o estado  social en Europa significa defender a sanidade pública, defender o estado do benestar fronte aos recortes. “Queremos que non se nos volva chantaxear coa subordinación de todo o noso esforzo económico a pagar a débeda dos bancos alemáns da que nós non somos responsables. Abonda xa dun rescate á banca que nos deixou a cero as contas para a sanidade pública”, dixo Villares.

A defensa do medio ambiente é o terceiro aspecto que En Marea levará a Bruselas nesta gran coalición. “Non podemos tolerar que empresas como ENCE continúen un minuto máis contaminando as nosas rías, e que as autoridades tanto españolas como europeas o permitan, porque ademáis de supoñer un problema ambiental, supón a perda de oportunidades marisqueiras e polo tanto de xeración de emprego nas rías galegas”, explicou o voceiro de EM.

Luís Villares rematou a súa comparecencia ante os medios destacando a segunda posición de En Marea nesta gran coalición para acudir á cita electoral europea. “É moi boa posición, que permítenos ser unha candidatura representativa de Galicia e das maiorías sociais e que sitúanos nunha boa posición para defender os intereses do noso país, dándonos unha segura representación” en Europa, concluíu o voceiro de En Marea.

Comentar noticia

Your email address will not be published.