En Marea forzará ao presidente Núñez Feijóo a explicar a grave situación de corrupción que afecta ao seu partido despois da negativa do PP á súa comparecencia

O vicevoceiro de En Marea, Antón Sánchez, asegurou que a actuación do grupo maioritario na xunta de voceiros no Parlamento desta mañá evidencia a “nula vontade de rexeneración democrática do PP, un partido podre de corrupción desde hai anos, que podrece e está a afundir pero que no podemos permitir que con el leve a todo un país”
Por o 29/05/2018 | Sección: En Marea,Política
En Marea forzará ao presidente Núñez Feijóo a explicar a grave situación de corrupción que afecta ao seu partido despois da negativa do PP á súa comparecencia
Compartir en:

En Marea forzará ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, a dar explicacións sobre a grave situación de corrupción que afecta ao seu partido despois da sentenza que confirma que o “PP está podre de corrupción desde hai anos”. O vicevoceiro de En Marea no Parlamento, Antón Sánchez, denunciou a nula vontade de rexeneración democrática do PP que quedou demostrada na xunta de voceiros celebrada esta mañá no Parlamento de Galicia na que o grupo do PP empregou a súa maioría para impedir a comparecencia do presidente da Xunta solicitada polos grupos da oposición. “O PP négase a dar explicacións aos galegos e galegas” denunciou Sánchez o que “é indicativo da descomposición do PP, un partido que podrece e afunde pero non podemos permitir que afunda con el a todo un país’.

O vicevoceiro de En Marea lembrou que Núñez Feijóo leva desde os anos 90 ostentando responsabilidades en altos cargos do PP polo que está obrigado a dar explicacións e por este motivo, o grupo de En Marea empregará todas as súas ferramentas para forzar que o presidente galego cumpra coa súa obriga. Así, a pregunta de En Marea na sesión de control irá orientada a saber se Feijóo continúa a manter como dixo o seu compromiso con Galicia despois de manifestar a súa fidelidade máxima a Rajoy e ao PP en contra incluso do interese xeral. “Feijóo dixo que nunca sería Xudas pero hai que lembrar que estamos a falar dunha personaxe bíblica que aparece como o tesoureiro que quedaba co diñeiro dos pobres así que ese papel tal vez tocaríalle a Bárcenas ou a todos os tesoureiros que desde o nacemento do PP administraron a caixa B do partido” chanceou Antón Sánchez. “Non estamos ante un problema de traizón senón de decencia democrática. Feijóo está a colocar ao PP por riba de calquera circunstancia, incluso de Galicia” asegurou o vicevoceiro de En Marea.

Ante o silencio imposto polo PP e a falla de empatía coa rexeneración democrática, o grupo de En Marea centrará a súa intervención no vindeiro pleno en esixir explicación asi como medidas de rexeneración e accións para garantir a independencia xudicial.

Sánchez salientou novamente o apoio do seu grupo á moción de censura presentada polo PSOE en Madrid xa que “non pode haber un goberno dirixido por un partido condenado por corrupción onde a credibilidade do propio presidente acaba de ser posta en dúbida nunha sentenza da Audiencia Nacional”. “Precisamos un Goberno de cambio, a favor dos dereitos e das liberdades das persoas” destacou.

Outro dos temas que En Marea levará ao pleno da Cámara será a estafa das caixas co obxectivo de forzar á Feijóo a que dea conta sobre as súas mentiras ao respecto deste proceso que dilapidou o sistema financeiro galego. Tamén preguntarán polos retrasos das valoracións da lei de dependencia que se está a facer de xeito deliberado para cumprir cos obxectivos do déficit ademais de presentar unha iniciativa orientada á conservación do patrimonio no Camiño de Santiago.