En Marea insta a esixir ao Estado que blinde legalmente a revalorización das pensións conforme o IPC real

A deputada Paula Vázquez Verao asegurou que “é a única vía que as persoas maiores teñen de soster os ingresos: a revalorización das pensións segundo a variación real dos prezos”
Publicado por o día 26/09/2018 na sección de En Marea,Política

En Marea insta a esixir ao Estado que blinde legalmente a revalorización das pensións conforme o IPC real

 “Dez anos de crise, un balance nefasto para a clase traballadora, tamén para as pensionistas”. Este foi o balance que fixo a deputada de En Marea, Paula Vázquez Verao na sesión plenaria desta mañá na que defendeu a iniciativa do seu grupo na que se pedía blindar legalmente a revalorización das pensións conforme o IPC real. “A crise e, sobre todo, as políticas da ditadura da austeridade, provocaron un afondamento das desigualdades. Aquí en Galiza, aumentou a diferenza entre quen gaña máis e quen menos cobra e aumentou a diferenza entre ingresos salariais e ingresos do capital, a favor destes. A porcentaxe dos salarios na riqueza nacional reduciuse. Os gobernos puxéronse ao servizo do poder financeiro agasallándolles con rescates millonarios e modificando as regulacións laborais a favor do capital” explicou Paula Vázquez Verao.

A directriz era “clara e terrible” como subliñou a deputada de En Marea: “adelgazar o gasto público e o Estado do Benestar para expandirse o sector privado (coma os plans de pensións). E nese gasto público, as prestacións sociais son unha parte fundamental”.

Agora tras catro anos de crecemento de macroeconomía, din que rematou a crise, na rúa están as grandes mobilizacións do 8 de marzo de 2017 e, sobre todo, de 2018, e a mobilización das e dos nosos pensionistas. “Continúa a loita social. A sociedade continúa mobilizada porque se recupera o PIB, hai máis riqueza que en 2008, pero non vivimos mellor” explicouVázquez Verao.

As pensionistas levan anos de recortes. En 2011 endurecéronse as condicións de acceso ás pensións. Dende 2012 aplicáronse recortes brutais, tamén ás persoas pensionistas. No ano 2013 adiántase a aplicación do factor de sostibilidade a 2019, eliminando a actualización das pensións ao IPC e introducindo o factor de revalorización (opaco e arbitrario), que supuxo un brutal recorte da pensión inicial en relación co último salario e que suporía a conxelación das pensións. Esta situación xa se viviu en 2017, cando as pensionistas perderon case 2 puntos de poder adquisitivo. “Foi unha decisión contraria á propia Constitución” afirmou a deputada de En Marea que explicou que manter este sistema suporía que en 20 anos se reducirían as pensións nun 40 por cento en termos reais. Recoñéceno institucións como o Banco de España ou a OCDE. Ademais, o chamado “factor de sostibilidade” engade un 5 por cento menos de poder adquisitivo cada década. De manter o sistema do Goberno do PP as pensións de 2050 serían practicamente as mesmas que as actuais, pese á alza de prezos!

“Cómpre rematar de vez con esta situación e blindar a actualización das pensións conforme ao IPC” esixiu Paula Vázquez Verao. “Estes recortes sociais foron acompañados de recortes en dereitos civís, de penalización da protesta social, da Lei Mordaza, de ameazas á liberdade de expresión, de centralismo e españolismo. Pero non puideron calar ás persoas pensionistas nin as poderán parar nas súas reivindicacións de vidas dignas. Non as van parar nin cargando infamemente contra elas no Congreso” aclarou.

No caso de Galicia, a importancia das pensiónsé indiscutible xa que falamos de 674.290 persoas, que chegarán a ser un millón antes de 2050, o 24,8 por cento da poboación galega o que se traduce en máis de 761.075 prestacións. “Falamos de que nun de cada tres concellos a principal fonte de renda son as prestacións sociais. Falamos do reto que supón o envellecemento. Este reto pode superarse pola vía da xustiza social ou dende o economicismo, e o PP optou, co factor de sostibilidade, penalizar o aumento da esperanza de vida” lamentou Paula Vázquez Verao.

Así, o 32,12 por cento dos fogares galegos teñen as prestacións sociais como única fonte de ingresos, pensións de persoas, na maioría dos casos, maiores, que logo de traballar duramente toda a vida fixeron de colchón económico das familias durante esta brutal crise.O resultado é que o consumo interno en Galiza dependen en gran parte das prestacións sociais, polo tanto, elevar estas, manter o seu poder adquisitivo, é un factor máis de crecemento económico.

“Galiza é a autonomía con máis pensións de xubilación por baixo do salario mínimo” salientou a deputada de En Marea. O 56 por cento das persoas pensionistas galegas está por debaixo do SMI, o que se eleva ao 81 por cento no caso das mulleres.

Neste contexto, a garantía de revalorización das pensións conforme ao IPC real, conforme ao que custa a vida, é a actual batalla do Movemento en Defensa das Pensións e do sindicalismo combativo. Veñen logo de estar mobilizándose semana a semana nas vilas e cidades galegas, de asistir á convocatoria estatal en Madrid a pasada fin de semana, de sufrir cargas policiais diante do Congreso. Nunha semana na que tamén hai convocatoria da CIG en defensa das pensións e unha xornada europea sobre as mesmas convocada pola Eurodeputada Lidia Senra.

A revalorización é a actual controversia en torno ao debate das pensións, porque “a cidadanía mobilizada demanda a actualización ao IPC, demanda algo tan básico como non condenar á miseria á maioría deste país, a case o 25 por cento da poboación, falamos de que a pensión media é de 901 euros fronte a media estatal de 1.080 euros, falamos de que un 62 por cento están no limiar da pobreza”. Revalorizar por lei non debería ser preciso, dado que o actual ordenamento xurídico contempla o mantemento do poder adquisitivo das pensións. O artigo 50 da Constitución garante pensións adecuadas e periodicamente actualizadas e garante a “suficiencia económica”.

“Vincular a revalorización das pensións ao IPC é de xustiza. Non só o pide En Marea, tamén o Defensor del Pueblo ou o Presidente da Fundación Círculo de Economía. É a única vía que as persoas maiores teñen de soster os ingresos: a revalorización das pensións segundo a variación real dos prezos” defendeu Vázquez Verao. Por todo isto, o grupo de En Marea, instou á Cámara galega a dirixirse ao Goberno Central para establecer un mecanismo de revalorización das pensións que garanta o mantemento do seu poder adquisitivo, vinculándoas ao IPC real, e incluíndo a cláusula de garantía, para que se compense se a inflación final do ano é superior á suba inicial das pensións.

“Por todas as pensionistas que sobreviven con pensións de miseria, polas que manteñen e sosteñen familias, que fixeron de colchón durante a crise privándose de gastar para si, vai esta PNL que presentamos en nome do Movemento en Defensa das Pensións. Comprometámonos co dereito a vidas dignas, por elas e polas pensionistas do futuro, blindemos legalmente o mantemento do poder adquisitivo das persoas pensionistas” concluíu a deputada de En Marea.