En Marea insta á Xunta a garantir a cobertura de vacacións e baixas do persoal sanitario durante todo o ano

A deputada Eva Solla reclama unha planificación axeitada que solvente tamén as carencias existentes nalgunhas especialidades, como pediatría
Publicado por o día 05/09/2018 na sección de En Marea,Política,Sanidad

En Marea insta á Xunta a garantir a cobertura de vacacións e baixas do persoal sanitario durante todo o ano

En Marea esixe que o goberno galego garanta a cobertura dos permisos, vacacións e baixas do persoal sanitario e dote de estabilidade ao sistema sanitario ligado ao SERGAS. No inicio do novo curso parlamentario, Eva Solla reclamou na Cámara galega que a Xunta realice unha planificación axeitada e aporte medios materiais e humanos suficientes para que o acontecido este verán no PAC da Estrada non volva repetirse. A deputada denunciou os peches de camas e consultas en hospitais e centros de saúde que, un verán máis, volveron repetirse en toda a xeografía galega. E instou á Consellería de Sanidade a aportar todos os datos sobre os servizos pechados nos últimos meses.

En Marea entende que a morte dunha persoa pola falta dun médico que a atendese no punto de atención continuada da Estrada ten que ser un punto de inflexión, e non debe esquecerse sen tomar boa nota e poñer sobre a mesa as solucións necesarias. “O que aconteceu na Estrada podería repetirse unha e cen veces, porque son moitos os puntos de atención continuada de Galicia que contan cun único equipo médico”, denuncia Eva Solla.

A formación considera absolutamente necesario que a Xunta de Galicia leve a cabo unha planificación a medio prazo que permita ao Servizo Galego de Saúde contar con profesionais suficientes durante os 12 meses do ano. E esixe, ademais da cobertura dos permisos e baixas, un reforzo que poña fin ao déficit estrutural de profesionais que afecta especialmente a algunhas especialidades, como a pediatría ou a fisioterapia.

Eva Solla destacou o colapso dos servizos de urxencias e as alarmantes listas de espera, que se viron incrementadas nos últimos meses debido ao peche de camas en hospitais da rede pública. Do mesmo xeito, consultas e probas de atención especializada víronse afectadas pola non cobertura dos permisos do persoal. Unha circunstancia que afecta tamén ao diagnóstico e control de diferentes patoloxías.

En Marea considera intolerable que o goberno do Partido Popular priorice o aforro á saúde das persoas, afondando ademais na precarización laboral do persoal sanitario ligado ao SERGAS. “A situación agrávase cada ano, cun incremento no peche destes servizos, indica a deputada; que lembra ademais as denuncias realizadas polas xuntas de persoal de distintos centros hospitalarios.

“A Xunta limítase a dicir que todo está ben e resístese a facilitar a información que reclamamos sobre todos os servizos pechados durante o verán. Temos un problema moi gordo para poder manter a atención sanitaria”, denuncia a deputada de En Marea, que destaca que “este foi o peor ano en canto a protestas e recortes en atención primaria. A falta de pediatras é estrutural, e a Xunta non toma medidas”.

Eva Solla tamén puxo de relevo os problemas que afectan á atención primaria. “Levamos anos denunciando a autocobertura, que obriga aos profeisonais a asumir os cupos de pacientes. Ademais, os datos de listas de espera que dá a Xunta son falsos, e modificaron a lei para non ter que facilitalas con tanta frecuencia”.

Os recurtes estivais do pasado verán traducíronse en Pontevedra no peche de 80 camas entre xuño e setembro en distintas unidades do CHOP, como as de lactancia, medicina interna, pneumoloxía ou traumatoloxía.

No Salnés, volveu repetirse o peche estrutural que se produce todos os veráns na terceira planta, con consecuencias como a derivación dos partos a Pontevedra.

Na Coruña,  o peche de 176 camas do CHUAC incidiu nunha inaceptable saturacións do servizo de urxencias, consecuencia tamén dun desmantelamento da atención primaria no que a falta de cobertura dos postos de traballo aumenta a demora nas citas e obriga a moitas persoas a acudir ás urxencias hospitalarias. Tamén se pecharon 112 camas en Conxo, sen que exista relación con ningún indicador real ou evidencia clínica que o xustifique