En Marea insta á Xunta a incrementar o número de prazas públicas en residencias de maiores

Publicado por o día 29/08/2018 na sección de En Marea,Política

En Marea insta á Xunta a incrementar o número de prazas públicas en residencias de maiores

En Marea denuncia o engano que supón o recente anuncio da Xunta de Galicia en relación ao supostamente novidoso bono Autonomía en Residencias. Unha axuda para o pago de prazas en residencias de maiores privadas que na realidade xa existía e xa se viña aplicando; e co cal o goberno do Partido Popular continúa apostando pola privatización. Así o denuncia a deputada Paula Vázquez Verao, que insta ao executivo de Núñez Feijóo a mudar de estratexia e incrementar o número de prazas residencias públicas nunha Comunidade na que a lista de agarda para acceder a este servizo supera as 1.700 persoas.

“A Xunta engana á cidadanía anunciando como novidoso o Bono Autonomía en Residencias, que é exactamente o mesmo que a Libranza para Adquisición de Servizo Residencial que xa contempla a Lei de Autonomía Persoal”. Explícao a deputada de En Marea, que lamenta unha pantomima coa que, no fondo, o goberno da Xunta trata de incentivar a escolla da rede privada de residencias por parte dos usuarios.

As prazas en residencias privadas teñen un custo medio en Galicia de 1.500 euros ao mes, segundo datos do IMSERSO. Co cal, tal e como destaca Vázquez Verao, o bono “anunciado a bombo e platillo pola Xunta resultaría totalmente insuficiente” para cubrir o custe do servizo. E é que a achega media destas axudas será de 490 euros ao mes, podendo acadar como máximo os 715. Nesa liña, a deputada de En Marea destaca o “inasumible” desta aposta do goberno galego polas residencias privadas nunha Comunidade na que a pensión de xubilación media é de 780,2 euros.

En Marea lamenta que a administración de Núñez Feijóo continúe “apostando por un modelo de privatización, cando o que debera é apostar polo servizo público nunha Comunidade que ten a maior porcentaxe de privatización de prazas en residencias da terceira idade” do estado.

“Anunciar a bono e platillo unha medida que non é máis que fume e que xa se está aplicando é un engano á cidadanía”, resalta Vázquez Verao, que insta ao goberno a mudar de estratexia e reforzar os medios e recursos que destina á rede pública de residencias de maiores para incrementar as prazas dispoñibles e rematar coa lista de agarda, que neste momento supera as 1.700 persoas.

Segundo datos do Consello Económico e Social, en 2016 había en Galicia 20.467 prazas residenciais de maiores e dependentes, das cales o 67% eran privadas: a maior porcentaxe do estado. Ademais, a rateo de prazas por persoas maiores de 65 anos sitúase no 3,07%, por debaixo do 5% que recomenda a Organización Mundial da Saúde.