En Marea insta á Xunta a mediar para evitar o peche de Poligal

Villares avoga por impulsar un novo marco legal que poña couto á deslocalización desta e doutras empresas punteiras
Publicado por o día 12/03/2019 na sección de En Marea,Política

En Marea insta á Xunta a mediar para evitar o peche de Poligal

En Marea insta ao goberno galego a implicarse e a actuar como mediador entre a dirección e a plantilla de Poligal. O voceiro, Luís Villares, e o deputado Francisco Casal achegáronse este luns ata Narón para reunirse cos traballadores dunha empresa que ameaza con deixar na rúa a un cento de familias. Unha firma punteira no sector dos plásticos para a que a formación reclama solucións; así como un novo marco legal que poña couto á deslocalización e evite que esta, así como outras empresas, poidan deixar na estacada aos seus empregados.

O voceiro de En Marea fui un chamamento á Xunta para que sente a traballadores e empresa e garanta a máxima transparencia nas negociación sobre Poligal. Luís Villares denunciou a opacidade da empresa de Narón, “que se está negando a dar datos fundamentais sobre a situación económica. Non podemos aceptar que se lles negue aos traballadores e traballadoras información básica para defenderen os seus dereitos. Nin tampouco tomaduras de pelo como é ter recibido subvencións e favores administrativos para agora dar o peche”.

En Marea levará ao Parlamento de Galicia unha problemática que, tal e como destaca o voceiro da formación, “non é só unha cuestión económica: trátase sobre todo dunha cuestión social, de máis de 100 familias que van quedar na rúa se as intancións da empresa se consolidan, polo que a administración non pode mirar para outro lado”.

Tal e como lembra Luís Villares, trátase “dunha fábrica que foi símbolo de que a reconversión industrial era posible e de que Ferrolterra podía ter futuro máis aló do naval”. O voceiro de En Marea lembrou que, coas miras postas na reindustrialización da comarca, Poligal beneficiouse no seu día houbo dun investimento público que a Xunta de Galicia ten a obriga de facer valer. “Non podemos aceptar que unha empresa que produce resultados positivos e que se beneficiou de axudas públicas vaia pechar cando temos aquí aos mellores traballadores no sector dos plásticos de Europa, facendo un producto punteiro e desenvolvendo toda a investigación nun sector no que somos referentes”.

Máis aló do caso concreto de Poligal, En Marea avoga por impulsar “un debate máis amplo e sosegado sobre a deslocalización empresarial. Temos que protexer ás empresas que son punteiras do noso país e aos seus traballadores e traballadoras ante un mercado globalizado que busca maximizar beneficios”, indica Luís Villares, que anuncia a vontade da súa formación de propiciar unha reforma do marco regulatorio para protexer e garantir o mantemento de iniciativas empresariais que, como Poligal, son básicas para a economía local nunha zona necesitada de alternativas ao sector naval.  Nese eido, o voceiro de En Marea lembra que a empresa de Narón “está obtendo beneficios grandes desta e doutras factorías, e non podemos aceptar que exista todo un velo, un entramado societario que encubra os beneficios para facer crer que aquí estamos perdendo”

En Marea destaca os bos nieves de producción e o valor engadido que está a xerar a factoría de Poligal en Narón, e insta á Xunta de Galicia a tomar cartas no asunto. “Hai un ERE que deu lugar a unha resolución xudicial que non se cumpriu e que obrigaba a unha serie de investimentos, contrapartida ao esforzo dos traballadores que deixaron de traballar e cobrar. Polo tanto agora é o momento de que as empresas se corrsponsabilicen e que o estado interveña para evitar esta burla”.

Condena aos asasinatos machistas da fin de semana

O voceiro de En Marea non quixo deixar pasar a ocasión de amosar a súa condena expresa aos tres asesinatos machistas producidos na fin de semana. Luís Villares amosou a súa repulsa cara a uns sucesos que son “unha mostra máis de que na loita pola igualdade resta moitísimo camiño por percorrer”; e emprazou a todas as forzas políticas do estado, especialmente a aquelas que avogan por derogar as leis en materia de igualdade e loita contra a violencia machista, á reflexión.

“A grande manifestación e a folga do 8M foron unha mostra de que existe unha sociedade que cada día está máis concienciada, máis mobilizada, e que repudia calquera acto que teña que ver co machismo. Pero non é suficiente, porque estamos vendo como a sociedade patriarcal se está a cobrar vítimas día a día. Vítimas que son a punta do iceberg dun sistema que está lexitimando unha violencia que segue matando a moitas mulleres coa complicidad dunha parte da sociedade”, afirmou o voceiro de En Marea, que instou a redobrar esforzos e reclamou “medidas valentes para seguir loitando contra a violencia machista”. Villares expreso o seu rejeitamento cara “ás forzas políticas que piden a derogación das leis que loitan contra a violencia de xénero. Non é aceptable que neste momento haxa forzas políticas no estado que pidan acabar cos xulgados de violencia sobre a muller, coas leis de igualdade de xénero e de loita contra esta lacra. Polo que hoxe facemos unha chamada á reflexión”, incidiu.