En Marea insta a Xunta e Goberno a mellorar a rede de cercanías e a conseguir a conexión de Galicia con Portugal dentro do Corredor Atlántico

A formación lembra a Pedro Sánchez que o seu apoio non foi un cheque en branco, e ínstao a reverter a desigual situación da Comunidade galega en materia de infraestruturas
Por o 24/09/2018 | Sección: En Marea,Política
En Marea insta a Xunta e Goberno a mellorar a rede de cercanías e a conseguir a conexión de Galicia con Portugal dentro do Corredor Atlántico
Compartir en:

En Marea insta a PP e PSOE a deixar de lado intereses partidistas e localismos e a traballar de xeito responsable e coordinado para que Galicia poida recuperar o tempo perdido en materia de infraestruturas. O vicevoceiro Antón Sánchez destaca a importancia do momento político actual e reclama que o executivo de Pedro Sánchez estea á altura e revirta o trato desigual nesta materia que a Comunidade galega ven leva anos arrastrando.

En Marea quere que o goberno central se poña as pilas e comece a traballar de xeito efectivo a prol dos intereses de galegos e galegas. Antón Sánchez lembra que o apoio prestado á investidura do actual presidente do goberno central “non foi un cheque en branco”, e ínstao a priorizar as necesidades de Galicia en materia de infraestruturas. “Queremos ver que fai o PSOE. Por hixiene democrática había que sacar do goberno a un partido corrupto, pero o PSOE non ten un cheque en branco. As reivindiacións de Galicia deberán ser atendidas, e veremos se unha vez máis o PP non traizoa en Madrid o que agora di defender dende Galicia”, explica o vicevoceiro de En Marea.

Entre as necesidades pendentes para as que En Marea esixe atención inmediata destacan as tarefas pendentes en materia ferroviaria. Nese senso, Antón Sánchez insta a que, “despois de moitos retrasos e paros se cumpran os prazos e condicións de seguridade e técnicas do AVE de entrada a Galicia por Ourense”. O vicevoceiro tamén considera “de xustiza” que a conexión de Galicia con Portugal se inclúa no trazado do Corredor Atlántico de Mercadorías. “Recentemente superouse a anomalía que era a non inclusión de Galicia nese corredor ao respaldar a Comisión Europea a inclusión da conexión coa meseta por León, rectificando un sinsentido. Pero segue estando pendente a conexión de Galicia con Portugal, que uniría dúas rexións que xuntan máis de 6 millóns de habitantes, e suporía o acceso ao mercado exterior máis importante de Galicia e a a unha zona moi dinámica que cómpre potenciar”, explica Sánchez.

O vicevoceiro de En Marea tamén insta a poñer ao día a conexión ferroviaria entre Ferrol e A Coruña, inalterada dende hai cen anos. Antón Sánchez denuncia a inaceptable situación, que  mantén sen un servizo de cercanías axeitado a unha zona que acumula arredor de 500.000 habitantes. “Cun investimento de 45 millóns de euros o tempo de viaxe entre estas dúas cidades podería reducirse entre 15 e 20 minutos mediante a realización dun bypass en Betanzos ou coa redución do diámetro de determinadas curvas, segundo indican algúns estudos”, destaca o vicevoceiro, que lembra a importancia de favorecer a mobilidade da poboación e poñer á súa disposición medios de transporte competitivos e útiles. “Cremos que xa está ben, e instaremos a que dende os orzamentos de 2019 se inclúan as partidas necesarias para darle o avance decisivo que precisa esta liña”.

En Marea tamén reclama o mantemento dos compromisos anunciados para a conexión Lugo-Ourense coa rede de alta velocidade. “Unha vez anunciados os prazos é o momento dos compromisos orzamentarios”, destaca Antón Sánchez, que tampouco pasa por alto “a falta de vertebración existente entre as principais cidades e débeda histórica”.

En Marea tamén seguirá traballando para que a transferencia da AP9  a Galicia e a súa recuperación para o público sexa unha realidade, e insta aos executivos de Pedro Sánchez e Núñez Feihjóo a remar nesa mesma dirección. Antón Sánchez entende que a transferencia a Galicia aprobada por unanimidade no Parlamento de Galicia e que será abordada no Congreso constituye un paso “decisivo”. O vicevoceiro entende que unha xestión máis próxima dese vial “melloraría as condicións, pero o que queremos é conseguir o rescate para o público. Os galegos e galegas sufren un auténtico roubo diario. Un de cada 2 euros facturados na AP9 é beneficio, un negocio sen parangón que o PP agasallou á concesionaria despois de ter rescatado a infraestrutura”, denuncia o vicevoceiro de En Marea, que esixe a fin dos “privilexios pagados polos galegos e consolidados por sucesivos decretos dos gobernos socialistas e populares no estado”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.