En Marea insta ao Congreso a antepor o benestar da cidadanía transferindo a Galicia a xestión da AP-9

Antón Sánchez avoga en Madrid por unha xestión dende o próximo que supoña o paso cara a recuperación para o público da autoestrada.
Publicado por o día 11/12/2018 na sección de En Marea,Galicia,Política

En Marea insta ao Congreso a antepor o benestar da cidadanía transferindo a Galicia a xestión da AP-9

En Marea defendeu este martes no pleno do Congreso que se admita a trámite a Proposición de Lei de transferencia da AP-9 a Galicia, que finalmente será aprobada cando remate o pleno, segundo avanzaron todas as forzas parlamentarias, agás Ciudadanos.

En Marea instou a todos os grupos, cos que xa negociara previamente, a ter en conta os anos de abusos por parte de AUDASA que levan padecendo galegas e galegos e a ceder a Galicia a xestión da AP-9, tal e como demanda por unanimidade o Parlamento.

O vicevoceiro Antón Sánchez desprazouse este mércores a Madrid para defender os intereses da cidadanía e reclamar a xestión da autoestrada. “Este debe ser o primeiro paso cara á súa recuperación para o público”, afirmou Sánchez.

O voceiro de En Marea no Congreso, Antón Gómez-Reino, tamén reclamou “unha Autoestrada do Atlántico pública, galega e gratuita” e destacou o “agravio comparativo con Galicia”, xa que a AP-9 foi licitada ao mesmo tempo que a AP-1. Sen embargo, mentres que hoxe esta última “está xa libre de peaxe, a Autoestrada do Atlántico tense prolongado e mantén unha das peaxes máis caras de Europa”.

Pola súa banda, Sánchez lembrou os anos de abusos perpetrados pola concesionaria da AP-9 co beneplácito dos sucesivos Gobernos centrais. “Hoxe debatemos unha proposición de lei que foi antidemocráticamente bloqueada polo goberno de Mariano Rajoy, co apoio de Ciudadanos, que sempre tivo claro que o primeiro era defender os negocios amigos. O bloqueo da transferencia foi un auténtico desprezo ao Parlamento e á cidadanía galega”, asegurou Antón Sánchez.

“O goberno Rajoy secuestrou ata hoxe non só o traspaso, senón o seu debate nesta Cámara. Ante esta situación o noso grupo tense movido para frear este atropelo. Primeiro formulando unha reconsideración ante a Mesa do Parlamento, onde nos atopamos sistematicamente co bloqueo de CS e do PP, e diante da súa negativa temos trasladado un recurso ante o Tribunal Constitucional”, engadiu Gómez-Reino.

En Marea apela á responsabilidade do Congreso e insta aos grupos a permitir unha xestión dende o próximo que para Galicia suporía “un acto de xustiza”. “Mentres vemos como no resto do estado van rematando as concesións e se liberan viais de peaxes; ou se rescatan con cartos públicos as radiais madrileñas; os galegos e galegas teremos que soportar esta estafa diaria ata 2048”, denuncia Sánchez.

O voceiro no Congreso lembrou que “de cada 100 euros que Audasa recauda en peaxes adica 8 a pagar ao personal e 11 a gastos de explotación e mantenimiento. O resto, xa se sabe: beneficio, que reparte entre os seus accionistas”.

En Marea avoga pola fin do monopolio e dos privilexios concedidos a AUDASA por PP e PSOE dende que na década dos 90 a autoestrada foi rescatada con cartos públicos polo Goberno Aznar, e posteriormente privatizada “a prezo de amigo”. “Trátase agora de invertir na práctica o que os gobernos veñen facendo dende hai décadas, socializando ganancias e poñéndoas ao servizo do ben común”, indica Antón Sánchez, que confía en que, unha vez transfereida a xestión da autoestrada a Galicia, sexa posible recuperala para o público.

“Pedimos a transferencia da AP-9 polo seu papel clave como instrumento de desenvolvemento, de dinamización económica, de conexión internacional, de inclusión social e de vertebración de Galicia”, rematou Gómez-Reino, que insta “garantir o carácter público das infraestruturas estratéxicas”.

TAMITACIÓN URXENTE

Pola súa banda, a deputada de En Marea, Alexandra Fernández, asegurou que “queda moito por percorrer porque aínda virá a tramitación” por iso desde En Marea “presentamos a solicitude xunto ao Grupo Mixto de tramatición urxente da tramitación de Lei” porque “hai que axilizar os prazos para que canto antes pase a ser galega. Non podemos correr o risco de voltar a casilla de saída”, explicou.