En Marea insta ao presidente de SOGAMA a poñer fin ao acoso laboral que sofren os traballadores do transporte de residuos sólidos urbanos

O persoal, que ten convocada unha folga indefinida a partir do día 15 de abril, tamén denuncia malas prácticas da empresa que causan importantes danos ambientais
Publicado por o día 12/04/2019 na sección de En Marea,Política

En Marea insta ao presidente de SOGAMA a poñer fin ao acoso laboral que sofren os traballadores do transporte de residuos sólidos urbanos

O grupo parlamentario En Marea considera que o presidente de SOGAMA, Javier Domínguez, debe asumir a responsabilidade de poñer fin á situación de precariedade e acoso laboral que sofren máis de trinta traballadores que realizan o transporte de Residuos Sólidos Urbanos (RSU), da empresa Transportes Pocholo, como subcontrata da UTE formada por Renfe Mercancías-Logirail -Copasa.

A través de varias iniciativas rexistradas no Parlamento tras reunirse co persoal afectado, o vicevoceiro do grupo Antón Sánchez, reclama unha intervención inmediata de Javier Domínguez, presidente de SOGAMA, que ata o momento nin contestou á petición de manter unha xuntanza cos representantes dos traballadores. “Tras coñecer a convocatoria de folga indefinida a partir do día 15 de abril, En Marea vimos de pedir a comparencencia do presidente de SOGAMA e explique que medidas vai tomar para solucionar unha situación denunciada polos traballadores como de acoso e precarización laboral e deficiencias na prestación do servizo que como consecuencia produce contaminación”, denuncia Sánchez.

Os traballadores denuncian que nos últimos tempos 8 persoas foron despedidas, como represalias por teren reclamado que se cumprisen os seus dereitos laborais, tras sufrir horarios abusivos e unha precarización das súas condicións de traballo. Tamén advirten que a empresa está facendo o transporte de residuos incumprindo as normas básicas ambientais: os vehículos carecen de escudos axeitos sendo frecuentes as verteduras de lixiviados  e cando as balsas de residuos están cheas as descargas realízanse directamente sobre a terra.

“A Xunta de Galicia non pode estar á fronte dunha sociedade pública que aposta por un modelo que precariza as condicións dos traballadores e o servizo para darlle beneficios ás empresas que conforman a UTE que prestará o servizo ata o 2026 por un contrato millonario de 140 millóns de euros”, denuncia Antón Sánchez, que considera que “detrás das deficiencias de SOGAMA e do seu modelo de prestación de servizos sempre está o negocio e a Xunta non pode ser corresponsable deste modelo”.
O servizo de transporte por estrada é prestado por Transportes Pocholo que, á súa vez, é unha subcontrata de COPASA, pero para En Marea “a responsabilidade final e principal da situación recae sobre a propia SOGAMA”, sociedade pública, cunha participación da Xunta de Galicia do 51% ( o outro 49 % correspóndelle a Naturgy).

Comentar noticia

Your email address will not be published.