En Marea instará a Xunta a actuar contra a vulneración de dereitos laborais que se está a dar na fábrica de Sargadelos de Cervo e para preservar o legado cultural

A deputada de En Marea no Parlamento, Paula Vázquez Verao, acusou ao actual administrador único de “estar a xogar tanto co legado como o emprego” desta fábrica
Publicado por o día 09/09/2018 na sección de En Marea,Política

En Marea instará a Xunta a actuar contra a vulneración de dereitos laborais que se está a dar na fábrica de Sargadelos de Cervo e para preservar o legado cultural

O grupo de En Marea preguntar á Xunta sobre que ten que dicir ao respecto da situación da fábrica de Sargadelos Cervo, que foi catalogada como conxunto histórico artístico en 1972 así como Ben de Interese Cultura (BIC). Denuncian o xeito de actuar do administrador único de Sargadelos, Seguismundo García, que “está a xogar tanto co legado desta emblemática marca como co emprego da fábrica de Cervo” como asegurou a deputada de En Marea, Paula Vázquez Verao.

Desde En Marea lembraron como o pasado 17 de agosto de 2018, nunha rolda de prensa, o Administrador do grupo Sargadelos convocou ao persoal da fábrica de Cervo para anunciar por sorpresa 49 despedimentos, atribuíndo tal decisión á presión sindical. Para o Administrador de Sargadelos cómpre rebaixar os salarios e admite que a súa actitude é un “pulso” aos sindicatos. Deste xeito, o grupo Sargadelos leva 20 despedimentos en Cervo, tanto de novas persoas empregadas como de veteranas, despedimentos que, con moita probabilidade, serán nulos.

A actual dirección do grupo amosa unha falla de respecto pola lexislación laboral vixente e polos dereitos laborais básicos, xa que o grupo empresarial cometeu numerosas infraccións no ámbito laboral, o cal non só vai contra os dereitos laborais, senón tamén contra o futuro da propia empresa en Cervo.

Así mesmo, cabe lembrar que está activado un acto de conciliación por parte do Servizo de Mediación, Arbitraxe e Conciliación da Xunta.

“Sargadelos é máis que unha fábrica de artigos decorativos: era unha editorial (Ediciós do Castro), un Laboratorio de Formas que garantía unha dirección artística e un conxunto de proxectos que son Patrimonio inmaterial colectivo, malia que a actual administración do grupo deturpara este cometido” salientou a deputada de En Marea.

Por este motivo, En Marea levará ao pleno a situación xa que consideran que “a Xunta terá algo que dicir ante a vulneración de dereitos laborais” por parte de dita empresa e para coñecer que pensa facer o Goberno galego para preservar o legado cultural de Sargadelos.