En Marea lamenta que Feijóo deixara sen facer o máis importante na súa remodelación de Goberno: a destitución fulminante do conselleiro de Sanidade

Publicado por o día 26/09/2018 na sección de En Marea,Política

En Marea lamenta que Feijóo deixara sen facer o máis importante na súa remodelación de Goberno: a destitución fulminante do conselleiro de Sanidade

O voceiro de En Marea, Luís Villares, asegurou que os cambios anunciados polo presidente galego evidencian o fracaso tanto en Medio Rural como en Educación e confirman as denuncias de En Marea nas que acusaba a Beatriz Mato e Rey Varela de estar a empregar de xeito partidario e sectario as Consellerías para facer promoción persoal das súas candidaturas

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2018.- Tras se coñecer a remodelación do Goberno galego anunciada polo presidente Alberto Núñez Feijóo, o voceiro de En Marea, Luís Villares, fixo unha primeira valoración na que salientou tres consideracións fundamentais. A primeira delas que a saída do goberno de Beatriz Mato e Rey Varela certifica algo que En Marea leva denunciando todo o ano como é o “uso partidario e sectario das Consellerías para facer promoción persoal das súas candidaturas”.

En segundo lugar, a saída de Ángeles Vázquez da Consellería de Medio Rural certifica tamén o seu fracaso como consecuencia non so da súa xestión da vaga de lumes do pasado ano senón en xeral de toda a súa labor e a incompetencia que sobreveu nos meses seguintes.

Tamén a saída de Román Rodríguez de Educación evidencia outro fracaso. As protestas continuadas e repetidas en multitude puntos do país demostran que o problema de falla de profesorado, de transporte, de educación é un problema xeneralizado como consecuencia dunha mala xestión do propio Conselleiro.

Así e todo, o voceiro de En Marea considerou como o máis grave desta remodelación de Goberno o que non se fixo: a destitución fulminante do Conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña. Luís Villares asegurou que se o presidente da Xunta de Galicia non tomou esta decisión non foi máis que para se protexer a si mesmo. “Temos unha persoa responsable da morte dunha persoa no PAC da Estrada sen asistencia médica este verán e isto tiña que ter motivado a súa destitución inmediata” afirmou Villares.

Por este motivo, desde En Marea amosaron a súa nula satisfacción co cambio de goberno porque “o que era máis importante, sancionar politicamente ao responsable dos recortes en sanidade e que tanto sufrimento está a producir na poboación, non se produciu”.