En Marea lamenta que o grupo maioritario do PP negase a posibilidade de negociar algunha das 524 emendas presentadas por En Marea ao orzamento 2019

O voceiro Luís Villares xustificou o voto en contra do seu grupo ás contas presentado pola Xunta de Galicia para o vindeiro ano xa que se trata dun orzamento restritivo que crece por debaixo da riqueza do país e que segue a centrar a atención nos números en lugar das persoas
Publicado por o día 19/12/2018 na sección de En Marea,Política

En Marea lamenta que o grupo maioritario do PP negase a posibilidade de negociar algunha das 524 emendas presentadas por En Marea ao orzamento 2019

O voceiro de En Marea, Luís Villares, iniciou a súa comparecencia no debate de aprobación dos orzamentos da Xunta para o vindeiro ano repudiando o crime machista de Laura Luelmo e reclamando a superación da simple proclamación de igualdade baleira de contido se non vai acompañada dunha política real. Neste sentido destacou a necesidade de transformar os pensamentos, o comportamento da sociedade para camiñar cara a igualdade real. “Non hai políticas de igualdade se non hai orzamentos de igualdade” afirmou lamentando que o orzamento presentado polo goberno galego para 2019 avance nunha nova etapa dos recortes. “Estamos ante uns orzamentos restritivos que medran por debaixo da riqueza do país” incidiu o voceiro de En Marea.

Para paliar esta falla de apoio orzamentario real o grupo de En Marea presentou 524 emendas e un plan a cinco anos para recuperar o investimento social perdido e onde o peso do público achegábase ao 20 por cento. Un plan que foi rexeitado polo grupo maioritario do PP. “Na tramitación orzamentario o PP negouse a negociar ningunha das emendas presentadas por En Marea e polo tanto non tivemos ocasión de influír no orzamento do vindeiro ano a causa da falla de vontade política do PP” denunciou Villares.

O primeiro dos apartados nos que centrou a atención o voceiro de En Marea na grave situación da sanidade para a que asegurou tiña a posibilidade de mudar a través dos orzamentos galegos acabando cos recortes e o desvío de fondos á sanidade privada. “Todos os recursos públicos deben estar a disposición da sanidade pública” defendeu Luís Villares. Unha situación na que como explicaron os comparecentes da comisión de investigación alternativa sobre os recortes na sanidade pública o grande problema da atención primaria é o financiamento. “Debemos poñer os recursos en función das necesidades” afirmou “pero o PP non quere nin escoitar falar deste tema e por iso vetaron a intervención das voces que realmente están a sufrir os recortes na sanidade pública”. “Para vostedes a tarde do 4 de agosto no PAC da Estrada foron 300 euros, para a xente normal foi unha vida humana. Pensen como persoas e non como caixas rexistradoras” recriminou Villares.

Para a Sanidade En Marea presentou diversas emendas para incrementar xa mesmo o orzamento para contratar persoal sanitario para á atención primaria cunha dotación para cumprir a lei vixente aprobada polo mesmo goberno galego que está a incumprir diariamente.

O voceiro de En Marea salientou que a guía seguida por En Marea nas súas emendas foi a defensa dos dereitos sociais dotándoos de orzamento económico.

Villares subliñou a necesidade de aumentar os recursos para loitar contra a violencia machista, para transmitir ás vítimas que hai unha solución inmediata para saír da súa situación. Apostar pola reinserción laboral das vítimas e un apoio económico real que ten que aparecer nos orzamentos para que se poda converter nunha realidade.

En materia de formación de persoal funcionari con educación en igualdade, ou tamén formación específica de loita contra a corrupción dentro da administración pública. Tamén neste sentido destacou a formación en igualdade fomento en educación e fomento afectivo sexual, o mesmo que o deporte con apoio de federacións deportivas de deporte en igualdade.

Dentro dos orzamentos de Vicepresidencia, Villares destacou as emendas en materia de prevención e loita contra os lumes presentadas por En Marea e tamén en materia de cooperación e solidariedade para aumentar a partida destinada a coordinadora galega de ONGs.

Emendas tamén orientadas a apoiar e fomentar o uso do galego na administración de xustiza para dar cumprimento así mesmo á proposta de En Marea aprobada no Parlamento de Galicia e que a día de hoxe non recibiu nin un euro por parte da Xunta de Galicia.

En materia de emigración, desde En Marea propoñen un plan de emerxencia de recuperación das persoas emigradas. E en materia de solidariedade e integración social, o voceiro fixo referencia á necesidade cumprir compromisos europeos para acoller refuxiados, deber político e tamén ético e moral.

En canto aos medios de comunicación públicos da CRTVG denunciou unha vez máis a situación que sigue a empregar este medio como medio de propaganda do PP e  rexeitou a actitude soberbia do presidente da xunta cando se lle pregunta que vai facer para acabar coa situación actual.

Outra das emendas presentadas tiña por obxectivo a implantación da banda ancha para o rural xa que non é posible facer real os titulares de teletraballo se non hai posibilidade real. Para os afectados de Paramos, En Marea presentou unha emenda para facer efectivas ás axudas acabando o cen por cen e non ao 75 por cento como presenta a Xunta xa que “eles non tiveron culpa de perder as súas casas”.

Na Consellería de Facenda, En Marea presentou unha emenda para elaborar un plan contra a fraude fiscal e que tampouco foi escoitada polo grupo maioritario do PP.

En canto a medidas do PP como a rebaixa do imposto ao Patrimonio, o voceiro de En Marea asegurou que non hai ningunha razón para baixalo e estase a manter un regalo fiscal para patrimonios máis altos pero despois dise que non hai cartos para políticas sociais.

En Marea presenta tamén un plan de choque contra a precariedade laboral ou un plan contra a fenda salarial de xénero e parados de longa duración. Plan contra pobreza enerxética reclamando un financiamento real que acabe con este problema e un plan para a mellora da eficiencia enerxética no noso país. Neste sentido denunciou a expulsión de milleiros de fogares do bono de axuda da luz pasando dos 230.000 fogares aos 60.000 actuais.

Por último, o voceiro de En Marea referiuse á educación reducir os concertos educativos e supresión do profesorado de relixión para investir na educación pública e acabar cos problemas actuais.

52 EMENDAS PARA AUMENTAR OS INGRESOS E MELLORAR OS SERVIZOS PÚBLICOS

“O balance da austeridade do goberno Feijóo deixa un gravísimo deterioro do estado do benestar acompañado dun endebedamento desbocado. A herdanza que nos deixa son servizos públicos deteriorados e unha débeda publica impagable” denunciou Lago. Unha política económica e orzamentaria fracasada en termos macroeconómicos que ademais provocou unha enorme dor social en termos de desemprego, pobreza, exclusión social e desigualdade. “Algúns a isto lle chaman milagre económico, para nos e un desastre económico e social” afirmou.

Así mesmo, cualificou como falso o discurso mantido polo PP respecto da crise xa que levamos cinco anos de fase expansiva da economía pero seguimos con unha política orzamentaria de axuste do gasto publico. “Non é economía, é ideoloxía” asegurou engadindo que “dez anos de austeridade xa son demais. Por iso hai que deixar atrás a austeridade para empezar a recompoñer, a reconstruír os servizos públicos e a protección social”.

Por este motivo, En Marea reclamou como imprescindible e urxente un aumento dos ingresos públicos, o que inclúe obviamente un aumento da recadación fiscal. Galicia non ten un problema de exceso de gasto publico senón un problema de falta de ingresos.  Así, as emendas ao texto articulado de En Marea un cambio na política fiscal porque o que non se paga con mais ingresos se paga con recortes e con mais débeda.

O deputado Manuel Lago denunciou neste sentido rebaixas fiscais inxustas, en beneficio dunha minoría porque a política fiscal neoliberal do PP provocou a desfiscalización das rendas de capital, dos beneficios empresariais e dos grandes patrimonios.

“Esa é a opción do PP: elixir fiscalidade e gasto público para a elite ou para a maioría social. Deteriorar o publico para abrir espazo ao negocio privado. Deteriorar como coartada para privatizar” denunciou o deputado de En Marea. E contra esta opción do PP, En Marea presenta 52 emendas ao texto articulado con dous obxectivos centrais: incrementar os ingresos e defender os servizos públicos.

Para incrementar os ingresos En Marea presenta unha batería de emendas co obxectivo cuantificado de obter 400 millóns de euros dentro dun plan plurianual que permita recuperar o final da próxima lexislatura o nivel de ingresos previo a recesión en termos reais actuando en catro eixes.

Primeiro, un incremento dos recursos procedentes do Estado, actuando sobre o sistema de financiamento autonómico e tamén sobre os instrumentos para o reequilibrio territorial. Segundo, un paquete de medidas fiscais co obxectivo de incrementar a recadación, actuando sobre as figuras tributarias que xa existen e creando outras novas. Aquí están recollidas as novas medidas fiscais, como imposto sobre o dano ambiental, Imposto sobre grandes superficies comerciais, sobre grandes propietarios de vivendas baleiras e sobre os depósitos bancarios. Todos buscan incrementar a recadación pero tamén penalizar actividades con externalidades negativas e comportamentos económicos inadecuados. En Marea introduce unha proposta incrementar o numero de tramos no IRPF para acadar maior xustiza social con este imposto e as subidas do tipo marxinal nos tramos mais altos, para recadar cando menos 20 millóns de euros mais. De igual forma En Marea propón incrementar a recadación en 20 millóns de  euros no imposto de patrimonio actuando sobre os patrimonios superiores a 1,3 millóns de euros.

O terceiro eixe de actuación que propoñemos é unha minoración selectiva e ponderada do actual nivel de beneficios, bonificacións e exencións fiscais. Parece evidente que si os beneficios fiscais no orzamento de 2019 acumulan 490 millóns de euros é posible reducilos actuando sobre os contribuíntes de maior renda mellorando así tanto a suficiencia como a equidade do sistema fiscal.

E o cuarto é un Plan reforzado de inspección e loita contra a fraude fiscal. A aplicación desta estratexia permitiría aumentar en 400 millóns de euros os ingresos co obxectivo de aplicar unha política económica que impulse un crecemento baseado na economía produtiva, que traslade a maior riqueza a mais benestar da cidadanía, combatendo a desigualdade, a precariedade, a pobreza e a exclusión.

O segundo obxectivo das emendas de En Marea e defender os servizos públicos diante dos ataques privatizadores que están sufrindo. Para iso presentan as emendas referidas a mellora das condicións laborais das persoas que prestan os servizos públicos, nas que basicamente solicitamos que os incrementos salariais garantan cando menos o IPC. Pero sobre todo propoñemos un aumento significativo das taxas de reposición para recuperar o nivel de emprego público.

Ademais propoñen a conxelación das retribucións do presidente, conselleiros e cargos de confianza e tamén para evitar os contratos de colaboración público privada para a realización de calquera obra ou servizo.

As emendas para evitar o incremento dos centros educativos concertados, e eliminar os concertos con centros que segregan por sexo e outras para controlar a excesiva utilización das modificacións de crédito, que na práctica cada ano converten o orzamento aprobado nun orzamento “virtual” que se parece pouco ao finalmente executado.

Por último unha emenda que pretende mellorar a financiación local por dúas vías, o incremento dos convenios e subvencións e a garantía de anticipo de cando menos do 33% das subvencións concedidas as entidades locais.

“Son 52 emendas para aumentar os ingresos e mellorar os servizos públicos dando resposta as demandas da cidadanía” asegurou Manuel Lago.

Fronte a resignación, os recortes e o axuste permanente, En Marea demanda e comprométese cunha posición ambiciosa da Xunta de Galicia co obxectivo de incrementar o orzamento en 400 millóns de euros. Mais ingresos que pasa inevitablemente por unha maior recadación fiscal que ten que vir dunha maior aportación dos que mais teñen e por iso  as rendas de capital, os grandes patrimonios, as persoas con maiores ingresos teñen que aportar mais na caixa común para cumprir así o que di o  artigo 31 da Constitución Española e porque “temos dereito a vivir nun pais xusto: concluíu o deputado de En Marea.