En Marea lembra á Valedora do Pobo que a súa función é defender os intereses da cidadanía e non asumir o argumentario do PP e desculpar a inacción da Xunta

A deputada Luca Chao desgranou o informe anual presentado no pleno do Parlamento dando exemplos concretos da falla de contundencia e posicionamento da valedora a favor do Goberno galego obviando as terribles consecuencias para á cidadanía da política de recortes do PP
Publicado por o día 08/05/2018 na sección de En Marea,Política

En Marea lembra á Valedora do Pobo que a súa función é defender os intereses da cidadanía e non asumir o argumentario do PP e desculpar a inacción da Xunta

A deputada de En Marea, Luca Chao, cuestionou a intervención da Valedora do Pobo que compareceu hoxe no pleno do Parlamento de Galicia para presentar o informa anual da institución xa que lembrou que a súa función é “a defensa, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma, dos dereitos fundamentais e as liberdades públicas recoñecidos na Constitución”  así como “á tutela dos dereitos individuais e colectivos emanados do Estatuto de autonomía, en especial, os sancionados no seu título preliminar.” De igual forma o artigo 6 recoñece que o Valedor do pobo realizará o seu traballo con total autonomía sen recibir instrucións de ningunha autoridade. “Lamentablemente, dende En Marea consideramos que a súa autonomía e independencia está posta en solfa na meirande parte das páxinas do informe nas que lemos moi poucas críticas e moitos intentos de xustificar cada unha das políticas da Xunta de Galicia que teñan ocasionado as queixas por parte das súas usuarias, trasladando en moitos casos incluso a sensación de que os problemas son responsabilidade dos peticionarios e non da institución” explicou Luca Chao.

Así, o grupo bota en falla contundencia cara unhas políticas que ocasionan resultados claramente inxustos como que haxa persoas que teñen dificultades de acceso ao sistema sanitario, as listas de espera interminables, a existencia de persoas sen cobertura sanitaria ou as desatencións de necesidades educativas especiais. Exemplos todos de recortes inxustos, recortes políticos, non inevitables, non necesarios, tal e como parece querer xustificar no seu informe. Non, insistimos, recortes políticos resultado de decisións políticas concretas.Recortes políticos que se manifestan en case todas as seccións do informe da Valedora presentado no Parlamento.

Así, na área de servizos sociais, que acapara a maioría de queixas, continúa vindo de problemáticas que xa estaban presentes nos últimos informes da Valedora e que o goberno non fixo nada por arranxar. No que atinxe á exclusión ou o risco de exclusión social as queixas reiteradas amosan que a crise acentuou as desigualdades en Galicia e que a recuperación da economía non está chegando á maioría social. Por outra banda, as queixas evidencian que as trabas burocráticas nas axudas sociais persisten.

O informe da Valedora sinala escuetamente que “para afrontar as solicitudes de rendas de inclusión a consellería competente aumenta o seu orzamento desde hai anos.” obviando que, se aumenta o orzamento, con modificacións de crédito ao longo do ano, é porque aumentan as solicitudes, porque hai máis necesidades de inclusión social. É dicir, que o que acontece é que a Consellería de Política Social non ten unha previsión das necesidades reais como sinalou a deputada de En Marea.

Outro problema que acumula gran número de queixas é o dos retrasos na dependencia. De feito, cos últimos datos do IMSERSO, o 18,8 por cento das persoas con dereitos recoñecidos non teñen prestación en Galicia. O informe demostra que se está desincentivando a prestación das libranzas por coidados na casa, cando é unha prestación demandada que favorece o mantemento con calidade no entorno familiar da persoa dependente. E retrasos tamén na valoración de discapacidades. Ante esta situación a Valedora di que “a consellería respondeu que “implementamos, e seguimos facéndoo, distintas actuacións desenvolvidas co obxecto de lograr unha redución efectiva dos tempos de espera nos procedementos de valoración” e que “tendo en conta esta resposta tivemos como aceptadas as recomendacións relativas á necesidade de solucionar o problema xeral dos atrasos coa aplicación das medidas anunciadas. Porén, permaneceremos atentos ao cumprimento do compromiso de diminuír os atrasos ata aterse aos prazos legalmente previstos.” É dicir, que no informe está dando por boas as medidas da Xunta, que ata o de agora non incluíron aumento de persoal e equipos de valoración da discapacidade e que, polo tanto, mantiveron o problema dos atrasos, sobre todo na provincia de Pontevedra.

No relativo á sanidade o informe supón unha xustificación constante dos recortes sanitarios cando di cousas como “ a recente crise económica foi determinante na adopción de medidas lexislativas a nivel estatal para garantir a sustentabilidade financeira, obrigando á toma de decisión que afectaron ao noso sistema público de saúde”. A propia escusa recoñece que estas decisións teñen provocado problemas no sistema público sanitario asegurou Luca Chao que acusou de faltar á verdade cando fala destas situacións como algo inevitable, porque non, foron recortes políticos, resultado de decisións políticas.

“A valedora do pobo non debera abalar coma se tal cousa decisións políticas. Porque non é esa a súa función. Nin se trata de ser a valedora do goberno, nin a valedora do partido popular, senón de ser a valedora do pobo” advertiu Luca Chao.

Mais posiblemente o mais grave do informe para o grupo de en Marea é a xustificación que se fai da “supresión da sanidade universal” constatada polas queixas de usuarios que non teñen dereito a saúde pública, que a valedora liquida dicindo que mudamos a un modelo baseado no concepto de asegurado e beneficiario. “Os principais afectados, pero non os únicos, son os inmigrantes en situación irregular que pasan a carecer de cobertura sanitaria”, chegando a xustificar esta irracional e inaceptable decisión política dicindo que o artigo 43 da constitución non garante de forma incondicional o dereito a sanidade pública gratuíta.

Outras das queixas do grupo de En Marea cara o informe da Valedora Para é que resulta realmente complicado de entender que cando o desemprego e as condicións de traballo son un problema fundamental para a sociedade galega, se despache esta sección en apenas dez páxinas, “botando balóns fora na maior parte dos casos e obviando que é un problema sobre o que a administración pública Galega non está actuando correctamente”.

A deputada de En Marea sinalou tamén que é especialmente preocupante nos parece a falta de concreción sobre a queixa que se menciona pero non se explica referida ao sistema público de pensións remitida por unha asociación en defensa das pensións, parece que esta cuestión que está levando a milleiros de galegas e galegos ás rúas, para a Valedora igual que para o PP non é importante, unha vez mais exercendo de parapeto do Goberno en vez de defensora dos intereses da cidadanía. “Non é de recibo que se obvie unha reivindicación social como a actualización suficiente das pensión recoñecida na Constitución” asegurou a deputada de En Marea.

Outro dos temas salientados foi o ámbito educativo onde Luca Chao asegurou que “é da escandalosa asunción do argumentario do PP por parte da valedora tratando de desculpar o xeito de proceder do Goberno, “con nocturnidade e aleivosía vai máis lonxe da inxenuidade, é tomar partido, obvia de xeito escandaloso que o que motivou o comportamento do PP foi o ánimo de tapar o escándalo que supoñía un novo recorte dos servizos educativos” concluíu a deputada de En Marea.
ACABAR COA POBREZA ENERXÉTICA EN GALICIA

O grupo de En Marea levou a pleno esta mañá a súa proposta de Lei para rematar coa pobreza enerxética no noso país baseada na idea do acceso á enerxía do mesmo xeito que á vivenda, á sanidade ou á educación, é dicir, como un dereito cidadá. O deputado Francisco Casal lembrou que o motivo principal é o desproporcionado e inxustificado aumento da factura da electricidade nun 76 por cento durante os anos de crise e a diminución dos ingresos medios das familias.

En Marea defende que o obxectivo pasa por adoptar unha serie de medidas de choque para paliar e reducir a pobreza enerxética nos fogares vulnerables e con ese fin créase a Tarifa Social Enerxética de Galicia que se baseara nunhas axudas proporcionais en función da vulnerabilidade do fogar.

O deputado de En Marea foi o encargado de defender na Cámara a proposta incidiu nas graves consecuencias da pobreza enerxética responsable dunha media de 400 mortes cada ano en Galicia e 10.000 ingresos con 70.000 días de hospitalización cun custe aproximado de 40 millóns de euros para a nosa sanidade. Así mesmo calcúlase que o 30 por cento dos menores sofren pobreza enerxética o que provoca que non podan desenvolver as súas tarefas educativas de xeito adecuado.

A Lei aprobada polo PP non serviu para o que supostamente dicían ía valer xa que cos criterios de ingresos fixados unicamente optarían a axudas aqueles fogares con menos de 400 euros de ingresos ao mes deixando fóra un elevado número de fogares en pobreza enerxética.

As medidas concretas que se inclúen na Lei pasan en primeiro lugar por crear esta  Tarifa Social Enerxética de Galicia que constará fundamentalmente de axudas complementarias ao Bono Social do Estado financiadas pola Xunta de Galicia e se concretan nos seguintes porcentaxes:

  • – Nos fogares vulnerables: 25% do importe total da factura. (Contando o Bono Social o desconto chegaría ao 50%)
  • – Nos fogares vulnerables severos: 35% do importe total da factura. (Contando o Bono Social o desconto chegaría ao 75%)
  • – Nos fogares en risco de exclusión social: 50% do importe total da factura, ou a porcentaxe necesaria para que despois de aplicar o Bono Social o importe resultante sexa cero.
  • Nos afectados agora expulsados do Bono Social pola Lei e o decreto aprobados polo goberno do Partido Popular, e que cumpran as condicións marcadas nesta Lei, a Xunta de Galicia asumirá o total da achega marcada en cada tipo de fogar. Todo elo en tanto non se consiga unha formulación xusta do Bono Social do Estado como está a reclamar En Marea e o Grupo Confederal de Unidos Podemos-En Marea- En Comú Podem.
  • Os límites de consumo nos que se aplicaría a Tarifa Social Enerxética de Galicia determinaranse regulamentariamente uns límites suficientes para cumprir os obxectivos da Lei. Actualmente o Bono Social do Estado non cubre nin a terceira parte da enerxía anual necesaria para manter un fogar quente e cos servizos mínimos esenciais.
  • A proposta de En Marea contempla tamén o procedemento para evitar a suspensión da subministración para o que establécense uns procedementos concretos, claros e de fácil aplicación para evitar os cortes de luz nos fogares vulnerables. Ningunha comercializadora poderá argumentar dúbidas sobre a aplicación deste precepto da Lei, xa que se concretan as  obrigas e trámites antes de proceder a un corte de subministro. Establécese un réxime sancionador no caso de que as compañías comercializadoras non cumpran os procedementos e trámites previos a un corte de subministro.
  • A Lei concreta de maneira precisa estes procedementos para evitar a situación actual co Bono Social do Estado, e tamén no anterior Ticket Eléctrico da Xunta de Galicia, que burocratiza e fai tan complexos os procesos que fai desistir de solicitalo. “Tanta complicación non pode ser inocente e verdadeiramente cumpre o seu obxectivo, a inmensa maioría dos fogares que terían dereito non o solicitan” como denuncia Francisco Casal. Así, a proposta de En Marea marca e concreta a cooperación da Xunta de Galicia cos Concellos para poder tramitar as axudas nos servicios socias municipais. As persoas que teñan concedida  a RISGA ou outra  Renda Social Municipal accederán de maneira automática as axudas marcadas nesta Lei.
  • Outra das grandes novidades da norma será que por primeira vez no Estado establécense axudas para o pago do gas. O plan de medidas de eficiencia enerxética para fogares vulnerables de En Marea concreta tamén as accións que o Goberno galego terá que desenvolver para mellorar a eficiencia enerxética dos fogares vulnerables.
  • En canto ao financiamento da Tarifa Social Enerxética de Galicia dependerá da Xunta de Galicia, podendo asignarse con cargo ao fondo de continxencia dos orzamentos no seu primeiro ano de aplicación. Por elo podería ser aplicada xa neste exercicio de 2018. A Xunta de Galicia deberá consignar, de maneira anual nos seus orzamentos, os fondos necesarios para facer fronte ao custo que o abono da Tarifa Social Enerxética de Galicia pode supor entre os cidadáns da Comunidade.
  • O financiamento dos plans de medidas de eficiencia enerxética poderá chegar desde financiamento autonómico, pero tamén mediante a obtención de fondos europeos para financiar actuacións de eficiencia enerxética. Estes fondos poderán obterse directamente da Unión Europea ou indirectamente, a través da Administración Central e da implementación dos Programas Operativos (plurirregionales e da Xunta de Galicia) dos Fondos EIE correspondentes ao período de financiamento 2014-2020 enmarcados no Acordo de Asociación asinado entre España e a Comisión Europea para o mencionado período. Así mesmo, o grupo de En Marea anunciou que durante a tramitación da norma presentará unha memoria económica pormenorizada para demostrar a capacidade da Xunta para financiar os obxectivos desta Lei.

RESPONSABLES DA DÉCADA PERDIDA POLA ECONOMÍA GALEGA

O deputado Manuel Lago acusou ao goberno de Núñez Feijóo de ser “os responsables da década perdida pola economía galega para xerar riqueza e emprego”. “Perder unha década é moito máis que estar en 2018 ao mesmo nivel de produción de riqueza que en 2008 porque os efectos desa década perdida son de enorme dimensión e tardaremos décadas en superalos, si é que chegamos a facelo algún día” asegurou. Así os últimos anos de goberno do PP en Galicia deixan unha herdanza de 23.000 millóns de euros perdidos cada ano de Produto Interior Bruto.

Algo similar sucede co emprego como destacou Manuel Lago quen explicou que “si nos 9 anos que levan gobernando Feijóo o emprego medrara tan só a metade do que o fixo nos nove anos anteriores en Galicia habería 317.000 postos de traballo máis dos que hai”.

Para En Marea a década perdida constituíu unha ruptura abrupta no proceso sostido de crecemento da riqueza e o emprego que iniciamos co final da ditadura. Trátase dun período excepcional, descoñecido en toda a historia moderna do país, que supón un enorme retroceso en termos de riqueza e benestar que sufriremos durante moito tempo, porque na década perdida baixamos un enorme chanzo que condiciona o presente o futuro do país. “Estamos ante un caso inédito na historia económica mundial: un goberno que ten como obxectivo pechar o seu mandato cunha cifra de emprego inferior a que se atopou cando empezou a gobernar” concluíu Lago.