En Marea leva ao Parlamento a primeira Lei para regular a publicidade sanitaria en Galicia

Publicado por o día 21/05/2018 na sección de Política,En Marea

En Marea leva ao Parlamento a primeira Lei para regular a publicidade sanitaria en Galicia

O grupo de En Marea ven de rexistrar no Parlamento de Galicia a primeira proposición de Lei para regular a publicidade sanitaria no noso país, tal e como anunciara a vicepresidenta do Parlamento e deputada de En Marea, Eva Solla, a principios de ano. A Proposta de lei, ten como obxectivo ampliar e reforzar o marco lexislativo polo que se ten que rexer a publicidade de produtos, centros e actividades sanitarias e socio-sanitarias en Galicia. En primeiro lugar controlar a publicidade enganosa de algunhas clínicas que ofrecen servizos sanitarios pero tamén os servizos sanitarios que ofrecen centros sociosanitarios. E o máis relevante, controlar o intrusismo profesional que se está a dar en moitas ocasións e que se poderían evitar se existira un regulamento.

Durante estes meses En Marea recolleu as diferentes achegas de Colexios profesionais, asociacións de doentes, consumidores e consumidoras, e recibir o apoio de diversos colexios como dietistas e nutricionistas, psicoloxía, asociación de enfermidades raras ou o propio colectivo FACUA pero tamén se recibiron aportacións moi interesantes dos colexio de odontoloxía estomatoloxía, podoloxía, fisioterapeutas, matronas, e algún colectivo de afectados. Durante todos estes meses recolléronse estas aportacións e se harmonizaron para incluílas no texto.

O grupo parlamentario ten xa está rexistrada esta iniciativa que se intentará debater no Parlamento antes de que remate este período de sesións para tratar de lograr o apoio de todos os grupos parlamentarios a esta norma “imprescindible” xa que non contamos en Galicia con ningunha Lei de publicidade sanitaria tal e como explicou Eva Solla.

A norma afectaría a todos os centros, establecementos e actividades que teñan como finalidade a prestación de servizos sanitarios e socio- sanitarios, recollidos no anexo da presente norma, así como todos aqueles que teñan como finalidade a prestación de servizos sanitarios e socio-sanitarios.  Así mesmo, quedará incluída nesta norma, con carácter xeral, a publicidade sanitaria realizada por calquera persoa física ou xurídica, pública ou privada debidamente autorizada, no exercicio dunha actividade comercial, industrial, profesional ou de outra índole.

Os centros, establecementos e servizos así como calquera persoa física ou xurídica que non se atope incluída no ámbito de aplicación da presente Lei, non poderá usar na súa publicidade termos que suxiran publicidade sanitaria.

No relativo aos criterios para a difusión das mensaxes publicitarias, o texto lexislativo de En Marea especifica que, sen prexuízo de sometemento a normas xerais ou específicas, a publicidade sanitaria e socio-sanitaria definida no artigo 2 deste texto legal, deberá observar os seguintes criterios na difusión das súas mensaxes:

1.- Identificar con toda claridade, rigor, precisión e de xeito obxectivo, o produto ou servizo ao que refire evitando calquera tipo de dúbidas respecto da súa natureza.
2.- Utilizar textos que sexan totalmente comprensibles na súa integridade, evitando terminoloxía e expresións complexas que poidan inducir a engano ou que esaxeren cualidades ou propiedades que non estean suficientemente demostradas ou que poidan levar a algún tipo de confusión respecto de outros produtos.
3.- Incluír as advertencias e precaucións, no caso de ser necesarias, para a informar ás persoas destinatarias dos riscos derivados da utilización do produto ou servizo anunciando.
4.- Non suscitar expectativas que non poidan ser satisfeitas con arranxo a evidencia científica.
5.- Non ofrecer produtos, bens ou servizos aos que se lles atribúan cualidades, características ou resultados que sexan diferentes dos que realmente teñan ou que poidan levar a engano ou inducir a erro ás persoas ás que van dirixidos.
6.- Non conter afirmacións que non poidan ser probadas cientificamente.
7.- Non inducir ao abandono de prescricións ou tratamentos así como á consulta de profesionais.
8.- Non incluír ofertas económicas, rebaixas, premios ou calquera outro tipo de atractivo económico.
9.- Identificar ao profesional sanitario mediante o número de colexiado ou colexiada ou ao centro sanitario mediante o número de autorización sanitaria outorgado pola Consellería competente.
10.- A publicidade ofrecida debe axustarse á oferta real e a documentación e información remitida á persoa usuaria.
11.- En todo caso, adecuar a mensaxe ao establecido no Real Decreto 1907/1996, de 2 de agosto, sobre publicidade e promoción comercial de produtos, actividades ou servizos con pretendida finalidade sanitaria.

As autorizacións outorgadas terán un prazo de duración de 5 anos, sempre que non produzan modificacións que alteren o contido da mensaxe publicitaria ou anuncio autorizado.

Co fin de exercer as funcións de control e vixilancia da publicidade sanitaria e socio-sanitaria crease a Comisión de Control de Publicidade Sanitaria e Socio- sanitaria formada por unha presidenta ou presidente e 16 vogais. O presidente ou presidenta será a persoa titular da Subdirección Xeral de Inspección, Auditoría e Acreditación de servizos sanitarios ou persoa na que delegue. Tería a súa sede na da Consellería competente na materia, axustarase, no seu funcionamento ao disposto na lexislación vixente sobre os órganos colexiados.

A Comisión manterá coma un dos seus principios reitores a axilidade na tramitación e resolución das solicitudes e buscará a simplicidade nos trámites burocráticos coa fin de facilitar a actividade das persoas físicas ou xurídicas que soliciten a autorización previa.

A proposición de Lei de En Marea inclúe ademais un réxime sancionador no que se explica que as infraccións as disposicións contindas na Lei poderán ser obxecto de sancións administrativas segundo o previsto na Lei 14/1986 Xeral de Sanidade, a Lei 38/1988, Xeral de Publicidade e la Lei 8/2008 de Saúde de Galicia, previa instrución do oportuno expediente administrativo conforme ao establecido nas normas que regulan o procedemento administrativo común, sen prexuízo das responsabilidades civís e penais ou de outra orde que puidesen concorrer. Así mesmo, a difusión das mensaxes publicitarias ás que se refire esta Lei, sen a previa autorización administrativa ou co incumprimento de calquera dos requisitos contemplados no mesmo, poderá dar lugar a suspensión da actividade publicitaria  ata que se solucionen os defectos ou se cumpran os requisitos esixidos, non tendo tal medida o carácter de sanción.
Enlace ao texto da proposición de Lei rexistrada por En Marea no Parlamento de Galicia:

https://www.dropbox.com/s/3x5w59av9pgbkn7/Eva_PDL_Publicidade_sanitaria_e.pdf?dl=0