En Marea levará ao Parlamento a declaración de Galicia como país en risco de emerxencia climática

Luís Villares: “Unha reivindicación nacional de Galicia non pode facerse sen defender o futuro da sociedade, que é tamén o futuro do país e dos seus elementos naturais”
Publicado por o día 26/07/2019 na sección de En Marea,Política

En Marea levará ao Parlamento a declaración de Galicia como país en risco de emerxencia climática

O voceiro de En Marea, Luís Villares, anunciou no marco do Día da Matria que En Marea levará ao Parlamento de Galicia a proposta de declaración de Galicia como país en risco de emerxencia climática.

“Pensamos que esta iniciativa, levada a cabo por varios concellos e a nivel europeo, ten que ser debatida no Parlamento de Galicia, queremos poñer na axenda política a cuestión ambiental en toda a súa extensión. Queremos tamén mellorar a economía en clave de sustentabilidade”, sinalou Villares.

O voceiro de En Marea explicou que a formación apoia a folga internacional que para o 27 de setembro está convocada en contra do cambio climático. “Queremos sumarnos porque pensamos que unha reivindicación nacional de Galicia non pode facerse senón defendendo o futuro da sociedade, que é tamén o futuro do país e dos seus elementos naturais”, dixo.

“Queremos denunciar os dez anos de estragos ambientais do Goberno de Núñez Feijóo. Dez anos que supuxeron o deterioro da calidade das nosas rías, dos ríos, do chan e so subchan. Un deterioro da calidade de vida nas cidades pero tamén dunha falta total de planificación forestal e urbanística”, destacou o voceiro.

“Dez anos nos que non se planificou unha transición enerxética nin se apostou por sectores que impulsen a economía circular e a economía verde. Dez anos de padecemento ambiental e de esgotamento dos nosos recursos naturais”, engadiu.

Villares enfatizou que o cambio para Galicia nas próximas eleccións autonómicas é posible, pero fixo unha chamada de atención á responsabilidade de Podemos e do PSOE para que acorden sacar a diante hoxe un Goberno progresista que amplíe dereitos para a cidadanía. “Todo isto está no aire e depende de que se entendan. A sociedade civil está reclamando que se deixen de personalismos e cálculos partidarios. O ano que vén temos eleccións en Galicia e sabemos que a alternativa a Feijóo é progresista, plural e cooperativa. E por nós non vai quedar”, apuntou.

Pola súa banda, a vicevoceira de En Marea, Ana Seijas, destacou que a formación quere unha Galicia verde con futuro. “Poñemos o aceno no cambio climático e na necesidade de respectar o medio ambiente. Temos unha situación de emerxencia climática e hoxe centraremos as nosas reivindicacións no ecoloxismo. Vivimos nun país que está degradado, ameazado, e queremos que teña futuro”, sinalou.

Seijas explicou que hoxe En Marea recollerá as denuncias da sociedade e dos colectivos e asociacións que poñen enriba da mesa as demandas medioambientais de Galicia. “Contaremos con xente que defende a saída de Ence da ría de Pontevedra, con activistas contrarios á mina de Touro e con esa voz da mocidade implicada no Friday’s for future que reclama un futuro para o noso planeta e para o noso país. Eles farán que reflexionemos sobre a situación real que vivimos e que non agarda por nós para atopar solucións”, apuntou a vicevoceira.