En Marea levará ao vindeiro Pleno medidas para combater a precariedade laboral

Luís Villares anunciou que o presidente da Xunta deberá responder polo maltrato que recibe o persoal sanitario, ademais doutras iniciativas relativas ao conflito de Poligal, ao sector do telemarketing e ao acceso á vivenda
Publicado por o día 20/03/2019 na sección de En Marea,Política

En Marea levará ao vindeiro Pleno medidas para combater a precariedade laboral

En Marea levará ao vindeiro Pleno do Parlamento iniciativas destinadas a combater a precariedade laboral en diferentes sectores. O voceiro Luís Villares preguntará a Feijóo polo maltrato que reciben as e os profesionais da sanidade tras manter xuntanzas con representantes do colectivo de médicos precarios e dos PACs en pé de guerra. “Trasladaremos as súas demandas a Feijóo, que deberá explicar por que non coida deles. Reclaman algo tan revolucionario como que se cumpran os acordos do anos 2008 que establecían unhas condicións laborais dignas. Hai que tratalos ben non só pola súa situación, senón tamén porque dan un bo servizo á cidadanía. Ao final beneficiámonos todas e todos na calidade da atención que recibimos”, declarou.

O conflito de Poligal será outra materia na que porá o foco En Marea cunha iniciativa que busca “presentar unha posición de loita decidida contra a deslocalización. Parécenos unha tomadura de pelo que as empresas que reciben fondos públicos poidan facer as maletas e marchar deixando colgados aos traballadores e traballadoras. É inaceptable e o Goberno non pode mirar para outro lado”, afirmou Villares. Ademais, acusou a Feijóo de mentir na última sesión de control dicindo que non había diñeiro público investido en empresas como Poligal “e non é verdade porque ten numerosas axudas públicas dos investimentos posteriores á reconversión naval. Non poden irse porque recibiron esas axudas, porque aquí estase xerando renda e riqueza e porque temos o mellor persoal en transformación de polímeros. Non pode ser que despois de facer todo o esforzo de formación e investimento aquí vaian buscar man de obra escrava a outros países, iso si, conservando a cota de mercado”.

Villares denunciou que estes procesos de deslocalización están sucedendo tamén en Bosch e no telemarketing, “un sector precarizado e feminizado, no que unha vez máis son as mulleres as que sofren a precariedade”. Para loitar contra esta situación, En Marea presentará unha proposta pola derrogación das reformas laborais de PP e PSOE, “que deron como resultado situacións de verdadeiro fraude institucional e legalizado coas condicións laborais das mulleres. Todo isto ten que desaparecer porque a incertidume é total e sostida no tempo nun sector con máis de dez mil empregos en Galicia”. O voceiro insistiu en que se precisan “reformas estruturais para combater a precariedade laboral e a deslocalización”.

Os problemas para acceder a unha vivenda, especialmente entre a mocidade, serán levados á sesión plenaria porque “a emancipación da mocidade non é posible sen vivenda asequible. Os mozos galegos son os que se emancipan máis tarde no Estado, case con 32 anos, porque non teñen condicións para facelo. Cómpren políticas públicas que fagan asequible o acceso a unha vivenda digna”, sinalou Villares. Para garantizar este dereito, En Marea impulsará que se duplique o parque público de vivenda para poñela en aluguer social. “Precisamos regular e controlar os prezos do aluguer porque é insostible que estes suban entre un 12% e un 16% ao ano, mentres os salarios non suben” apuntou Villares. Outra das propostas será a modifiación da Lei do Solo para incrementar un 30% o solo reservado a vivenda protexida con carácter xeral e sen as exencións que contempla a lei, porque “no fondo son a porta traseira aberta para evitar que se constrúa vivenda protexida. A que se constrúa non pode estar sometida aos ataques da especulación”.

Luís Villares tamén se refeiru á situación de Alcoa, que será abordade en vindeiros plenos, e anunciou que a próxima semana En Marea presentará unha proposta de regulación integral do sector eléctrico con medidas de choque para evitar o peche, e outras a medio prazo. “É necesario actuar e fomos os primeiros que pedimos no Parlamento unha nova regulación do sector eléctrico para estabilizar os prezos”, relatou o voceiro de En Marea, lembrando que “o PP votou en contra cando gobernaba en Madrid para non molestar os xigantes das empresas eléctricas, onde os seus antigos dirixentes están colocados nun caso de corrupción institucional e portas xiratorias evidente. O PSOE votou a favor, pero cando cambiou o Goberno e volvemos presentar a proposta, cambiaron de posición votando a favor o PP e en contra o PSOE. Nós permanecemos na mesma posición: a defensa dun sector eléctrico regulado, non sometido á especulación das grandes eléctricas, que garantice a estabilidade do emprego de Alcoa, de Ferroatlántica e outras electrointensivas, e que remate coa estafa eléctrica aos fogares de Galicia”. Villares incidiu en que “hai posibilidades legais dende o espazo público para impedir o peche de Alcoa e garantizar a viabilidade do sector. É difícil porque gloriosos ex presidentes e ex ministros están nos consellos de administración das grandes eléctricas, pero é necesario ser valentes e plantarlles cara porque nisto vainos o futuro a todas e todos”.