En Marea non acepta a votación do grupo parlamentario para a designación autonómica ao Senado ao considerala unha imposición de Podemos

Sinala que se ofreceu un nome de consenso para desbloquear a situación, pero no houbo contestación no mesmo sentido por parte do partido
Publicado por o día 13/06/2019 na sección de En Marea,Política

En Marea non acepta a votación do grupo parlamentario para a designación autonómica ao Senado ao considerala unha imposición de Podemos

En Marea lamenta profundamente a desgana democrática e a verticalidade coa que está actuando Unidas Podemos na designación do senador/a autonómico/a que debe representar ao grupo de En Marea. Desde este grupo fixéronse dúas ofertas e as dúas foron recibidas coa mesma intención: a de impoñer a un candidato designado de parte que non garda nin as normas de En Marea nin é nome de consenso. Por este motivo, En Marea considera a votación como unha imposición dun grupo que quere ditar o seu criterio e que transparenta a súa desgana para chegar a acordos.

En Marea ofreceu xa dous nomes e os dous fundamentados en criterios de diálogo. O primeiro deles, Mariló Candedo, argumentado en ser a persoa elixida nas primarias de EM e a que obtivo máis votos para ser senadora pola formación. Unidas Podemos e máis Anova ignoraron o criterio da participación e da horizontalidade propoñendo un nome vencellado a unha parte e sen ningunha vinculación nin co grupo parlamentario, nin coa vida política de En Marea.

Para desbloquear a situación xerada, En Marea e o seu voceiro fixo unha nova proposta de consenso na persoa de Manuel Lago, deputado por En Marea, independente pero próximo a Esquerda Unida, integrado en Unidas Podemos. Esta formación non quixo ofrecer outro nome de consenso para contribuír ao desbloqueo da situación considerando que o que conta é unha decisión tomada pola dirección antes que un acordo de consenso entre as partes.

En Marea considera que Unidas Podemos quere forzar a votación para impoñer a súa solución porque no calendario parlamentario é o Partido Popular quen está marcando os prazos e quen cambiou as datas e habería tempo para unha negociación para acadar un nome válido para todas as partes. En Marea considera que a deriva verticalista de Podemos de non escoitar a todas as partes que forman parte de En Marea, reducindo a horizontalidade na organización e a transversalidade no funcionamento, só pode producir distanciamento e unha redución do espírito democrático da organización.