En Marea pecha a súa campaña anunciando a vitoria nas eleccións xerais e destacando que “por primeira vez na historia Galicia vai ter grupo parlamentario propio”

Publicado por o día 18/12/2015 na sección de Elecciones Generales,En Marea,Política

En Marea pecha a súa campaña anunciando a vitoria nas eleccións xerais e destacando que “por primeira vez na historia Galicia vai ter grupo parlamentario propio”

O auditorio Mar de Vigo acolleu o peche de En Marea destas eleccións xerais que arrancou cun chamamento á ilusión desde os candidatos e candidatas de En Marea e que quince días despois, inundou todos e cada uns dos lugares e persoas que encheron cada mitin, cada acto, cada encontro. En Marea foi quen de levantar unha onda de ilusión onde so había recortes e tristura.

A número 2 de En Marea ao Congreso pola Coruña, Yolanda Díaz, arrancou a súa intervención sinalando que “estamos hoxe no Vigo das loitas obreiras, da clase traballadora deste país, o Vigo das mulleres, o Vigo de Méndez Ferrín… o Vigo que se puxo en pé e sacou máis de 200.000 persoas a rúa para reclamar e loitar pola sanidade pública”. “Esta é a vosa campaña, a campaña da xente que dixo que estaba farta e como dixo o noso deputado de AGE, Xabier Ron, cando chegue o mar a Madrid, van flipar. Podemos gañar, é cuestión de décimas, e este domingo imos a por eles” afirmou.

O cabeza de lista ao Congreso por Lugo, Miguel Anxo Fernán-Vello, destacou que “En Marea non é unha forza política de resistencia, somos unha forza política de acción”. “Coas ondas do alto mar, en Marea, unha marea decente, digna. Non somos unha forza política enrodelada en si mesma, somos unha forza política de vangarda da actuación e da participación cidadá, da intelixencia colectiva da cidadanía” afirmou. “En marea somos o cerne dunha política asentada na ‘res pública’ e a xente do común e o pobo traballador sempre serán a nosa razón de ser e a nosa razón de estar en política” declarou Fernán-Vello.  “E quería que apuntásedes xa un enderezo electrónico: grupoparlamentargalegopropioag[email protected]” chanceou o cabeza de lista por Lugo.

Seguiu a Fernán-Vello o número 1 ao Congreso por Ourense, David Bruzos, que confesou “teño o corazón acelerado. Seguramente non o saibades, pero eu volo conto: son profesor de Física e Química e creo que nunca estiven diante de tanta xente con este  esta expectación, esta sensación de euforia colectiva e con este silencio atronador”. O candidato lucense destacou que aínda que “estamos en silencio e aínda se escoita o eco dos vosos berros: HAI MAREA!”, un berro que ten que seguir escoitándose en todos os recunchos do país, “que non quede ningún lugar do país sen un berro de vitoria, tamén en Ourense. Ten que chegar ao tímpanos de toda a familia Baltar… HAI MAREA”.

“Teño a honra de estar aquí. Neste auditorio ateigado de xente. Compartindo espazo coas compañeiras de candidatura de En Marea, cos alcaldes rebeldes, e con Xosé Manuel Beiras. E diante, todas vós, toda unha marea de xente con tanta forza e tanta ilusión que fai completamente imparable o cambio que xa comezou nas municipais do 24 M” afirmou David Bruzos. “Percíbese no ambiente, vese nas vosas caras, compañeiras. Vese nas vosas caras que xa gañamos. Que xa non hai marcha atrás. Que non imos a deixar pasar de largo este tren. Nunca máis. E que agora, de feito, imos a subir, coller o mando e decidir entre todas cal vai ser o próximo destino” concluíu David Bruzos.

O candidato de Lugo asegurou que están nerviosos “non só Rajoy, Pedro Sánchez ou Albert Rivera, senón as elites económicas que levan anos vivindo por riba das nosas posibilidades e das nosas paciencias. E están nerviosas porque se lles acaba o tempo. Porque o seu iate de luxo afunde, non teñen salvavidas e non lles queda outra que botarse ao mar e agardar a que a marea non os afogue”.

“Grazas a todas compañeiras, porque a vosa loita é a nosa vitoria, e aínda que gañamos tódolos días en centos de batallas, o domingo é un paso máis nesta conquista das institucións para o ben común” declarou. “2015 quedará marcado como o comezo da recuperación dos concellos para as maiorías sociais e quedará tamén marcada a data de recuperación do parlamento español. En 2016, será o turno do parlamento de Galicia” rematou o candidato por Lugo.

A número 2 ao Congreso por Pontevedra, Ángela Rodríguez, centrou a súa mensaxe na importancia de feminizar a política porque “non é posible o cambio sen as mulleres, porque é preciso unha política que se inspire nas nosas nais, as que dirixen as nosas familias e as rescatan, firmes e con responsabilidade pero tamén con tenrura, con cariño sen berrar sen enfadarse, tamén así se pode facer política”. “Quero dirixirme en especial ás mulleres porque é importante que o domingo vaian a votar. Temos unha responsabilidade especial, de ocupar o espazo político. Esas mulleres que sufriron máis que ninguén eses recortes, tedes que saír a votar e ser protagonistas deste cambio que comezará o domingo” destacou Ángela Rodriguez.

“Podemos devolver este país á xente. Perder o medo a poder decidilo todo. Podemos devolverlles os hospitais, o mar, a educación.. podemos gobernar e podemos gobernar mellor. As institucións xa son nosas, xa as tocamos coas puntas dos dedos” concluíu.

“Imos chegar ao congreso con grupo parlamentar propio e o ano que ven imos tomar a Xunta de Galicia” arrancou Jorge Suárez, alcalde de Ferrol. “Vimos apoiados por miles de persoas, son un activista social, e imos acabar cun mundo máis xusto, no que mande á cidadanía” asegurou.

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, salientou “vainos a vida cos xubilados, coa xente do común, cos nosos maiores, cos preferentistas, o PP, PSOE e Ciudadanos, en Vigo chámanse igual. Chamase desemprego, hospital privatizado Álvaro cunqueiro. Por iso este 20D imos en Marea e imos en gañar en Marea. Imos construír un país de mil mareas, esta Galicia está á cabeza da rebeldía no Estado, e por primeira vez na historia imos ter un grupo parlamentario galego”.

Martiño Noriega, alcalde de Santiago de Compostela afirmou pola súa banda que “xogamos duro porque estades vos aí detrás, cunha marea de dignidade”. “Vimos cunha policromia da dignidade, por un cambio de modelo este modelo depredador que nos deixa sen recursos para os nosos fillos e fillas. Queremos un relato colectivo a moitas máns polas maiorías sociais para cambiar o estado das cousas” defendeu Noriega. “Eles son licenciado na corrupción, nos somos licenciados na maioría social, no pobo” afirmou.

A cabeza de lista por Pontevedra, Alexandra Fernández, destacou que “fomos capaces de construír un espazo aberto no que todos os que queiran podan pular polo cambio, porque outro Vigo é posible”. “Temos que chegar a todas as institucións. Por iso nos embarcamos nesta Marea e nos vai levar este domingo a abrir un proceso para mudalo todo. “Nos concibido desde as cidades rebeldes, por iso o 15M reclamamos o espazo como a nosa arma. En Marea ten que continuar construíndo desde abaixo, mirándonos aos ollos” anunciou. “Temos barco, mar e vento favorable. Formamos parte de este espazo común que é En Marea” afirmou, unha marea “da fraternidade,do ben común e ética. Que fale das nosas vidas no dia a día, que faga visibles aos invisibles”.

Antón Gómez-Reino, cabeza de lista por A Coruña, lembrou que “estamos nun momento histórico non nos cansamos de repetilo durante toda esta campaña pero hoxe temos que telo aínda máis presente. O vindeiro domingo é o momento de demostrarlles que o cambio está xa aquí e non hai quen o pare. E o voso momento, o momento de liderar o cambio político e social”.

“Levamos moito tempo facendo política pero non da xente de garabatas senón a política das asociacións de veciños, de movementos de solidariedade, política en marea de abaixo arriba e sempre ao lado das maiorías sociais” lembrou.
“Non vimos de falar de negocios, tarxetas black.. e esas cousas das que tanto saben outros. Vimos a falar de dereito á vivenda, do que é a nosa folla de ruta baseado fundamentalmente nos dereitos humanos: pan, traballo e teito. Aspiramos ao ben común a vida digna no século XXI. Para iso necesitamos de todos e todas vos, necesitamos dunha marea que nos empurre. Non podemos tolerar que a xente normal continúe excluída da política e as decisións que marcan o noso día a día” salientou Gómez-Reino.

E por iso, declarou “presentámonos  ante vós a principios desta campaña co noso programa, unha carta á cidadanía galega para ir construíndo entre todos e todas. Agora precisamos entre todos dar o último empurrón. Estamos en disposición de liderar o cambio político e social, o cambio no Estado español desde Galicia. Porque as mareas non nacemos para resistir nin para protestar senón para gañar”.

O encargado de pechar o acto, o coordinador nacional de Anova e voceiro do grupo parlamentar de AGE, Xosé Manuel Beiras, destacou o papel do pobo galego que “leva en loita séculos pola súa liberdade, polos seus dereitos, defender o seu idioma a súa cultura … as últimas probas están en Vigo. O logro de que a manifestación pola sanidade contra o Álvaro Cunqueiro, e a segunda contra a  bomba de Almunia contra o naval galego e que acaba de ser anulada, o tax lease”.

“ A Marea viña de moito atrás, non queremos sangue pero si unha marea de xustiza que significa a capacidade de autodefensa cívica dos cidadáns fronte as agresións. Sen outra arma que a palabra, o traballo barrio por barrio, aldea por aldea, casa por casa, contra a artilleria e estupefaciente lanzado desde o poder político” declarou Xosé Manuel Beiras. “Como non vai vencer esa vaga reformulada na nación galega, actores que van desde grandes a pequenas todas están aí, as forzas políticas que xa no verán do 2014 despois das europeas en Galicia chegamos a conclusión de que o motor do cambio político estaba na cidadanía, non tiñamos credibilidade suficiente nin enerxía suficiente, o motor era a cidadanía, e o que tiñamos que facer era fundirnos e crear unha Marea galega que por primeira vez vai ter representación nas Cortes” explicou.

“Esta nova marea sexa quen de derrotar a esta segunda restauración ‘bubónica’ para restablecer os dereitos laborais e non continuar coas condicións de escravitude impostas, para que as mulleres sexan donas de decidir sobre o seu corpo. Unha nova dimensión da orde social económica, cuns valores da república que compre recuperar, o escenario no que os pobos decidan como queren que sexa o Estado, e camiñar cara a lograr unha Europa que mereza ese nome, a Europa dos pobos e dos dereitos sociais”. “Hai Marea!!  E vai cruzar o Padornelo ata chegar á Moncloa” concluíu Xosé Manuel Beiras.

PRENSA EN MAREA