En Marea pedirá o apoio da Cámara galega a súa proposta de Lei que permitiría acabar coa pobreza enerxética

O deputado Francisco Casal destacou a necesidade de actuar contra este grave problema responsable da morte de unhas 400 persoas ao ano e 70.000 días de ingreso hospitalario cun coste anual de máis de 40 millóns
Por o 07/05/2018 | Sección: En Marea,Política
En Marea pedirá o apoio da Cámara galega a súa proposta de Lei que permitiría acabar coa pobreza enerxética
Compartir en:

O deputado de En Marea, Francisco Casal, presentou en rolda de prensa esta mañá a proposición de Lei que o seu grupo levará mañá ao pleno da Cámara galega co obxectivo de acabar coa pobreza enerxética no noso país, a normativa “máis actual completa, actualizada e xusta do Estado”. A Lei aprobada polo PP non serviu para o que supostamente dicían ía valer xa que cos criterios de ingresos fixados unicamente optarían a axudas aqueles fogares con menos de 400 euros de ingresos ao mes deixando fóra un elevado número de fogares en pobreza enerxética.

Para o grupo de En Marea é urxente actuar contra este grave problema que está a causar 400 mortos ao ano en Galicia, o 30 por cento das mortes por causas respiratorias, e provocar 10.000 ingresos hospitalarios con 70.000 días de hospitalización anuais cun custe aproximado de 40 millóns de euros para a nosa sanidade. Así mesmo calcúlase que o 30 por cento dos menores sofren pobreza enerxética o que provoca que non podan desenvolver as súas tarefas educativas de xeito adecuado.

A proposta de En Marea defende a necesidade de incluír a todos os fogares que teñan menos de 1.000 euros ao mes, é dicir un 230.000 fogares con 415.000 persoas dos que 135.000 son unipersoais a maioría mulleres de avanzada idade pensionistas. Así mesmo, a proposta de Lei complementa o Bono social do Estado que é totalmente insuficiente deixando fóra máis do 20 por cento dos fogares afectados. Manteríase unha tarifa social enerxética que suporía axudas para pago 20 por cento para fogares vulnerables, 30 por cento en fogares vulnerables severos e 50 por centro en fogares vulnerables severos en risco de exclusión social.

Tamén se cambiarían os límites de consumo nos que se aplicaría a Tarifa Social Enerxética de Galicia determinaranse regulamentariamente uns límites suficientes para cumprir os obxectivos da Lei. Actualmente o Bono Social do Estado non cubre nin a terceira parte da enerxía anual necesaria para manter un fogar quente e cos servizos mínimos esenciais.

Outro dos puntos destacados na proposta de En Marea pasa por acabar co exceso de trámites burocráticos e facilitar o procedemento de petición para acabar coa situación actual na que só o 7 por cento das persoas que tiñan o bono social foron quen de renovalo. Para iso establécese que sexa xestionada polos servizos sociais dos Concellos e na Xunta de Galicia e aquelas persoas que teñen RISGA ou certificaron que están en parámetros de pobreza sexa directa. Así mesmo establecese por primeira vez axudas para o pago do gas.

“A posta en marcha desta proposta sería duns 58 millóns de euros segundo cálculos do grupo de En Marea pero que permitiría acabar con 400 mortes ao ano e 70.000 días de ingreso hospitalario” concluíu o deputado de En Marea.