En Marea pide a comparecencia de Ábalos e unha comisión de investigación polo procedemento de infracción aberto pola UE en seguridade ferroviaria

Alexandra Fernández: “O anuncio de infracción da UE é moi grave. É un mazazo para o Estado español que debe facer as modificacións pertinentes para que a CIAF cumpla nas súas análises cos criterios de rigor e independencia esixibles. Desde En Marea solicitamos a comparecencia de Ábalos no Congreso”
Publicado por o día 25/01/2019 na sección de En Marea,Política

En Marea pide a comparecencia de Ábalos e unha comisión de investigación polo procedemento de infracción aberto pola UE en seguridade ferroviaria

A deputada de En Marea no Congreso, Alexandra Fernández, e tamén portavoz na Comisión de Investigación sobre o accidente do Alvia, solicitou este mediodía a comparecencia urxente do Ministro de Fomento, Jose Luis Ábalos, na Cámara para que acuda a explicar a posición do Goberno ante o anuncio por parte da Comisión Europea de un procedemento formal de infracción ao Estado español por incumprimento coas diretivas comunitarias en materia de seguranza ferroviaria.

Pola súa banda, o vicevoceiro de En Marea no Parlamento de Galicia, Antón Sanchez, informou este xoves que solicitaron unha comisión de investigación no Parlamento galego para garantir a seguridade ferroviaria nas vías galegas “para garantir que son seguras e que a xente pode estar tranquila porque se seguen os protocolos das directivas comunitarias”

Para ambos deputados, a apertura do procedemento de infracción da Comisión Europea “é unha demostración máis do camiño que nos últimos anos levou o Goberno español sobre un accidente tan grave que tivo consecuencias para o noso país e vén a sumarse ao posicionamento das institucións parlamentarias europeas denunciando a falta de independencia da CIAF creada polo goberno español en 2017 e da Axencia Española de Seguridade Ferroviaria na súa homologación das liñas e dos materiais ferroviarios”.

Alexandra Fernández considera que “se trata dun auténtico mazazo ao estado español”. “O anuncio de infracción por parte da UE é algo moi grave que debe levar ao Goberno á adopción imediata de medidas, sen dilación. En primeiro termo, Ábalos debe demandar á CIAF unha nova investigación sobre o accidente do Alvia tal e como levamos tempo esixindo. A UE en liña co Informe da ERA pon en cuestión os traballos da CIAF en relación á investigación de accidentes ferroviarios como o de Angrois ou o de Porriño. Son moitas as ocasións nas que En Marea ten demandado unha nova análise por parte da CIAF porque non cumpriu cos criterios de independencia nin de ter incluido no Informe do Alvia as causas profundas do accidente”.

O vicevoceiro no Parlamento, Antón Sánchez, esixiu “que este Goberno, que veu a substituír ao goberno corrupto de Rajoy e a facer políticas diferentes ao PP, tome decisións”, pois “non pode ser que os responsables que ampararon actuacións coma a de Angrois sigan nos seus cargos con este Goberno”.

En Marea agarda que o Goberno central modifique os protocolos e elabore participativamente “novos procedementos para garantir a seguriade ferroviaria”.

Pola súa banda, Fernández amosa a súa satisfacción “polo que considera un paso de xigante que bota por terra a connivencia entre PP e PSOE, Fomento e empresas constructoras para tapar, silenciar, ocultar ou pasar páxina en  temas de tanta envergadura como a seguranza ferroviaria ou a investigación de sinistros como o do Alvia, onde houbo moitos fallos”.

“Non todo vale. A UE castiga o mal facer, as mentiras, as manipulacións e os intentos de ocultación dos diferentes Gobernos do estado”, aseguraron os deputados.

Mais alá do proceso de infracción aberto pola UE ao Estado español neste tema, En Marea pon a énfase en que “debe servir para que se opere un cambio, unha modificación na actitude e posición mantida até o de agora”.
“Fomento debe tomar nota de imediato. Poñerse as pilas e empezar a facer as cousas ben: nova investigación do Alvia e tamén do accidente de Porriño, seguindo as normativas, solucionar os defectos que enfatiza a Comisión Europea como un maior control á hora de operativizar e certificar liñas por parte de Adif e Renfe. En definitiva, cumprir coas normas para primar sempre a seguridade por riba doutros intereses”.