En Marea pide a mediación da Xunta para que as auxiliares do naval afectadas polos impagos dos estaleiros poidan reestruturar a súa débeda cos bancos

Luís Villares tamén demadou do IGAPE un papel activo no asesoramento e no acceso ás medidas da Lei de segunda oportunidade
Publicado por o día 31/01/2019 na sección de En Marea,Política

En Marea pide a mediación da Xunta para que as auxiliares do naval afectadas polos impagos dos estaleiros poidan reestruturar a súa débeda cos bancos

Nunha rolda de prensa conxunta ofrecida esta mañá no Parlamento de Galicia a Plataforma de afectados do sector naval, o voceiro de En Marea Luís Villares e o deputado Francisco Casal demandáronlle á Xunta un papel activo para resolver “a situación insostible” de doce empresas auxiliares do naval con 540 traballadores que acumulan 5 millóns e medio de euros de impagos dos grandes estaleiros.

O voceiro da Plataforma, Balbino Barcia, asegurou que os bancos “nos están afogando, con liñas de crédito que superan o 10% de intereses” fronte a unhas débedas derivadas duns impagos “dos que non somos responsables, pois nós tivemos que facer fronte aos pagos da Seguridade Social, aos nosos proveedores, e asumindo co noso patrimonio familiar estes custes”. Nestes momentos, 10 das 12 empresas auxiliares permanecen sen actividade por esta situación, ocasionada sobre todo a raíz dun concurso do estaleiro Barreras, como consecuencia dunha quita do 80% ás empresas afectadas.

O voceiro de En Marea Luís Villares esixiu unha intervención da Xunta ante esta situación, como ten feito noutras ocasións. “Non pedimos unha condonación da débeda, o que esiximos é unha intervención pública para que poidan reestruturar as débdas cos bancos”, sinalou Villares, ao que engadiu a petición de asesoramento por parte do IGAPE con respecto ás medidas da Lei de Segunda Oportunidade ás que poderían acollerse de cara a saír desta situación”.

Villares, que tamén lle pide á Xunta que reciba canto antes ás empresas afectadas,  alertou do fenómeno da desapitalización humana dun sector punteiro a nivel europeo. “Como demanda de traballo hai, o peche destas empresas dará lugar a que veñan outras empresas foráneas que darán lugar a máis precarización do traballo e cero riqueza, pois tributan fóra do país”.

Pola súa banda, o deputado Francisco Casal tamén denunciou “o feito inaudito de que os bancos estean revendendo os créditos a empresas de recobro polo 6%, mentres a eles lles cobran o 10% de intereses, convertindo a súa situación nun verdadeiro drama, pois estanlles trasladando aos fillos e as viúvas estas cargas”.

“Os éxitos do sector non poden repercutir tan só nos grandes inversores e cando hai problemas derivalos a estas empresas, que representan o 80% do persoal do naval”, denunciou Casal, que tamén alertou da chegada de empresas “que non respectan a lexislación española, que non tributan en España e que pagan salarios de miseria”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.