En Marea pide a retirada das máquinas de apostas dos locais de hostalería e a limitación do número de licenzas para novas salas de xogo

Paula Quinteiro: “A Xunta e o Goberno do Estado teñen que tomar medidas porque estas adiccións están afectando de xeito especial á nosa mocidade”
Publicado por o día 01/04/2019 na sección de En Marea,Política

En Marea pide a retirada das máquinas de apostas dos locais de hostalería e a limitación do número de licenzas para novas salas de xogo

O grupo parlamentario En Marea leva rexistradas diferentes iniciativas na Cámara galega nas que insiste na necesidade de regular a industria do xogo e do azar. A deputada Paula Quinteiro trasladará á vindeira Comisión 1ª unha proposición non de lei na que se insta á Xunta de Galicia a retirar as máquinas tipo “B” e de apostas de todos os bares, restaurantes, pubs e lugares que non estean especificamente autorizados para a actividade do xogo.

En Marea tamén é partidaria de prohibir a venda de bebidas alcólicas e a retransmisión de eventos deportivos nos locais de xogo e limitar a cantidade de locais de xogo en función da poboación e distancia entre locais, establecendo unha ratio máis elevada con respecto á poboación nas localidades nas que haxa máis dunha sala de xogo.

Para a promotora das iniciativas Paula Quinteiro, todas estas medidas xustifícanse na prevención de condutas adictivas e están enmarcadas no concepto do chamado “Xogo Responsable”. “Vemos que nin a Xunta nin o Goberno do Estado están tomando as medidas necesarios para poñerlle freo a esta verdadeira praga”, sinala a parlamentaria, que considera que dende as administracións “se deberían promover outros modelos de ocio para evitar a adicción ao xogo.

Nese senso, En Marea tamén rexistrou unha interpelación no Parlamento de Galicia para saber se a Xunta de Galicia ten previsto algún plan para redudir a concesión de licenzas, como xa fixeron noutras comunidades coma Cataluña ou Asturias, para coñecer os datos que manexa o Executivo galego con respecto á adicción ao xogo, especialmente entre a mocidade e que espazos asistencias existen no Servizo Galego de Saúde para prestar axuda ás persoas que sofren trastornos de adicción ao xogo.

“Ninguén pode pensar que unha industria en constante crecemento, como ao do xogo, vai auto-controlarse pola mera razón que os gobernos apelen á súa boa vontade, polos que son precisas medidas concretas e contundentes para prever e tratar estas ludopatías”, conclúe Paula Quinteiro.

Comentar noticia

Your email address will not be published.