En Marea pide á Xunta que elabore un informe acerca do estado da praia das Catedrais para deseñar protocolos de seguridade acordes aos riscos

O grupo parlamentario preguntará no Parlamento de Galicia polas medidas que se van tomar para evitar accidentes similares ao do pasado sábado no que faleceu unha moza a causa dun traumatismo cranial polo desprendemento dunha pedra duns dos cantís
Publicado por o día 04/04/2018 na sección de En Marea,Política

En Marea pide á Xunta que elabore un informe acerca do estado da praia das Catedrais para deseñar protocolos de seguridade acordes aos riscos

O grupo parlamentario de En Marea ven de rexistrar diversas iniciativas no Parlamento de Galicia entre as que se solicita ao Goberno galego a elaboración dun informe acerca do estado da praia de As Catedrais co obxecto de deseñar protocolos de seguridade acordes aos riscos que se detecten. Tras a morte do pasado sábado dunha moza a causa dun traumatismo cranial polo desprendemento dunha pedra duns dos cantís da praia.

Desde o grupo lembran que este areal recibe cada ano a vista de milleiros de persoas a diario chegando aos 600.000 visitantes en 2015. Ao tramitar o permiso de acceso, as persoas visitantes reciben unha información acerca dos riscos que comporta a visita, en relación á suba da marea e aos desprendementos.

O 12 de xuño de 2015 publicábase no DOG o Decreto polo que se “aproba o Plan de conservación do monumento natural da Praia das Catedrais”. Segundo dito Plan, conforme ao artigo 26, a “Dirección Xeral de Conservación avaliará, cunha periodicidade bianual, a efectividade das medidas propostas, analizando a eficacia e eficiencia na execución das diversas accións e programas, e o progreso na consecución dos obxectivos ambientais propostos. Ademais recolle que “cada dous anos a Dirección Xeral de Conservación da Natureza elaborará un informe de seguimento. Unha copia do informe será remitido á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.”

Para protexer o monumento natural o Concello de Ribadeo elaborou un Plan Especial de Protección, aprobado inicialmente o 8 de novembro de 2017, que abarca máis territorio que o protexido polo Plan elaborado pola Xunta. En dito documento, sinálase que “a xestión da Praia das Catedrais quedou superada polo progresivo aumento de visitantes que, en determinadas épocas do ano, superan amplamente a súa capacidade de carga ecolóxica. A ausencia dunha xestión adecuada desta situación afectou negativamente o estado de conservación dos compoñentes do patrimonio natural e da biodiversidade.

O descontrol no uso público provocou que en determinados períodos as persoas deambulasen sen control por áreas do acantilado inestables, con risco para a súa integridade física, así como para as persoas que puidesen atoparse na praia. As advertencias sobre o exceso de visitantes veñen sucedéndose desde hai tempo por parte de distintos expertos que alertaron xa de posibles desprendementos. A Xunta, logo do suceso, clausurou o acceso á praia das Catedrais, pero a páxina oficial para descargar a autorización de visita á praia permite solicitar e conseguir autorización no domingo, 1 de abril.

Por todo isto, o grupo parlamentario rexistrou diversas preguntas para que a Xunta de Galicia explique que medidas impulsou e vai impulsar para investigar este suceso, se vai tomar algunha medida para evitar situacións similares, se non consideran que nun lugar de risco, con tanta afluencia de visitantes a diario, debe haber dotación médica móbil, así como que medidas teñen tomado ante as advertencias de investigadores sobre a exposición a risco de desprendementos da gran cantidade de visitantes á Praia das Catedrais.

En Marea considera preciso que o Goberno galego revise os límites de acceso de persoas á praia das Catedrais e ter en conta a situación meteorolóxica para establecer limitacións diarias. Así mesmo, consideran necesario impulsar un informe exhaustivo acerca da evolución xeolóxica dos cantís da Praia das Catedrais.