En Marea pide á Xunta que rexeite a modificación puntual do PXOM de Mos coa que se pretende facilitar a realización do proxecto deportivo e comercial

O vicevoceiro de En Marea no Parlamento, Antón Sánchez, asegurou que se trata dun exemplo máis do modelo especulador e depredador que provocou unha das peores crisis do século”
Publicado por o día 30/01/2019 na sección de En Marea,Galicia,Mos,Política

En Marea pide á Xunta que rexeite a modificación puntual do PXOM de Mos coa que se pretende facilitar a realización do proxecto deportivo e comercial

“Unha das moitas herdanzas que deixou o franquismo é a cultura do pelotazo como o fomento da actividade económica non como creación de riqueza, senón como simple extracción dela”. Así arrancou o vicevoceiro de En Marea no Parlamento, Antón Sánchez, a defensa da proposición non de lei presentada polo seu grupo en relación ao proxecto deportivo e comercial que se pretende executar no concello de Mos, “un exemplo do modelo especulador e depredador que nos levou a unha das peores crisis do século”.

Antón Sánchez denunciou que “non se trata de producir riqueza senón extraela, de quedar coa riqueza uns poucos, utilizando as administracións públicas co fin do beneficio privado”. “O importante é dar o pelotazo, o que menos importa son as prioridades da xente, a racionalidade, a sustentabilidade” lamentou o vicevoceiro.

O que se pretenden como explicou Sánchez é modificar o PXOM de Mos, aprobado definitivamente a principios de 2017, para recalificar 869.000 m². A maioría desta superficie solo de protección  forestal, e a metade montes veciñais en man común, con instrumentos de ordenación aprobados. “Resulta que onde as comunidades funcionan vostedes tamén os queren expulsar para darlle entrada ao negocio especulativo” denunciou Antón Sánchez “porque este caso non se trata de fomento do deporte, trátase de negocio”. Ademais das instalacións deportivas, prevense 142.000 m² de superficie comercial en planta, segundo indicado polos promotores “para garantir a viabilidade económica da área dotacional deportiva”. “Nin se disimula. Os terreos expropiados a unha comunidades que funcionan mantendo unha actividade sostible, segundo os ideólogos desta operación deben de servir, previamente recalificados polo concello e a Xunta, para pagarlle o negocio ao señor Mouriño” lamentou.

Esta operación afectaría gravemente, segundo o grupo de En Marea no Parlamento, a nivel paisaxístico, ambiental, de mobilidade ao abastecemento ou ao pequeno comercio. A afección á paisaxe xa advertida polo Instituto de Estudos do Territorio. A nivel ambiental porque deforestaríase unha enorme superficie, forestación que contribúe ao mantemento do solo e ao mantemento dunha atmosfera respirable. Un proxecto que levaría ademais, segundo o estudo dos promotores, a entre 8 e 12.000 vehículos diarios á zona, nunha zona xa cun tráfico xa moi denso e que é xa un problema no concello, dos cales só o 5 ou 8 por cento chegarían motivadas pola zona comercial e 92 ou 95 por cento.

Por último,  o vicevoceiro de En Marea no Parlamento defendeu que non sería serio acometer a implantación de 142.000m2 de superficie comercial sen sustentarse nun estudo que fose moito máis amplo que só o concello de Mos, “o que seguramente nos levaría a concluír que é un desatino facelo”.

“O miolo destas operacións son as plusvalías acadadas pola recalificación” asegurou Antón Sánchez quen salientou que se pretende facer isto contra da opinión da comunidade de montes de Tameiga, contra as comunidades de augas da zona xestores responsables do territorio e da auga durante tantos anos.

“Este proxecto non se xustifica nin dende o punto de vista do interese xeral, nin a racionalidade, nin da sustentabilidade. Só se xustifica dende o punto de vista de favorecer o negocio privado dende as institucións públicas” declarou Sánchez. Neste sentido asegurou que “o goberno galego ensinou a patita na Lei de acompañamento tentando colar pola porta de atrás un mecanismo de expropiación que permitise ao propio promotor privado xestionar dita expropiación” pero “recuraron porque os pillamos nas patacas”. “Ensinaron a patita como a ensina a súa alcaldesa en Mos” engadiu.

Por este motivo, o grupo de En Marea no Parlamento presentou unha proposición de lei no pleno do Parlamento no que se pide que a Xunta non aprobe a modificación puntual do planeamento do Concello de Mos coa que se pretende facilitar a realización do proxecto deportivo e comercial. Pola súa contra pídese potenciar o pequeno e mediano comercio e a súa conservación e expansión, manter os terreos coa vocación forestal e de lecer para que funcionalmente faga parte do pulmón verde de Vigo, Mos e a súa área metropolitana, aprobar e publicar a estratexia para a execución da Infraestrutura Verde de Galicia, e por último, aprobar as directrices da paisaxe.

Comentar noticia

Your email address will not be published.