A deputada de En Marea no Congreso, Alexandra Fernández, e o voceiro, Antón Gómez-Reino, presentaron unha proposición non de lei na que instan ao Goberno a adoptar as medidas oportunas para revertir a decisión de aumentar as tarifas das peaxes da AP-9 nun 2%, dado que constitúe a segunda suba dos custes neste ano e que se suma ao 1,9% de incremento aplicado en xaneiro.
Ademais, nun segundo punto da proposición, demandan que “en ningún caso, se repercuta sobre os usuarios e usuarias da AP-9, as compensacións á concesionaria AUDASA que ostenta o réxime de concesión até o ano 2048”.
Deben dar marcha atrás
O Consello de Ministros do pasado venres 26 aprobou o Real Decreto polo que se aproba a adenda ao Convenio entre a Administración Xeral do Estado e Autopistas do Atlántico, concesionaria, polo que se modifican determinados termos da concesión para a construción, conservación e explotación da AP-9. Unha medida que contempla un incremento das peaxes baixo a denominación eufemística de “actualización de tarifas”. Trátase dunha suba do 2%.
“Estamos ante o segundo aumento tarifario no mesmo exercicio para compensar a Audasa polas obras de ampliación. Unha compensación que mais unha vez recae sobre os petos dos galegos e das galegas, sobre o sector do transporte, sobre os pequenos e medianos autónomos e sobre miles de persoas que usan a vía para a súa actividade diaria”.
Alexandra Fernández critica que se teña convertido a AP-9 “nun artigo de luxo que xa non se pode permitir ninguén. Para colmo, nin programa descontos ten”.
Ademais, lembra que desde o ámbito político e social “levamos tempo reclamando a transferencia da AP-9 que a estas alturas debería ser gratuita”. Neste sentido, destaca que outras autoestradas da mesma xeración están próximas a rematar a concesión mentras a AP-9, “grazas ao Goberno de Aznar vai encabezar o récord da concesión mais longa, 75 anos”.
A deputada de En Marea denuncia que “esta nova suba que sitúa o incremento total para este ano en case un 4% é un abuso que provocou a indignación da cidadanía galega, do sector económico e do transporte. Unha situación que se suma ao incumprimento do compromiso de liberar de peaxe o tramo Redondela-Vigo. Unha cadea de despropósitos que paga a poboación galega que é o eslabón perxudicado mentras se beneficia á empresa privada, Audasa”.
Noticias de última hora en Vigo